A Policía Local de Poio gaña eficacia na documentación dos casos de violencia de xénero
Por Redacción
A Policía Local de Poio conta desde hai uns días cunha nova ferramenta que pode axudar a evitar casos de violencia de xénero. Trátase dunha acta de campo que os axentes poderán utilizar para recabar datos 'in situ' na súa primeira asistencia no lugar no que foron requeridos ante unha posible agresión machista ou doméstica. Este documento incluirase na plataforma XesPol, a través da cal os membros do corpo de seguridade xestionan, de xeito áxil e efectivo, as diferentes actuacións que leva na cabo no seu día a día.
A nova acta foi impulsada Katerina Pena que é coautora de XesPol e que esta semana mantivo un encontro co máximo responsable do corpo de seguridade poiense, Antonio Duarte, e coa concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, para explicarlles os detalles desta iniciativa.
Todos eles salientan a necesidade de que as autoridades poidan documentar canto antes calquera tipo de alerta que se poida producir nun domicilio e que, grazas a esta ferramenta, pode ser rexistrada "por moi pequena que sexa". Esta primeira guía de actuación busca que a intervención dos axentes resulte "máis eficaz e eficiente se cabe". Os policías poderán descargar a plantilla desde XesPol para obter toda a información necesaria. Ao completarse o informe, o corpo de seguridade pasará a ter constancia dos detalles do suceso, así como os datos da alerta, das persoas presentes no lugar dos feitos, da propia vítima ou das medidas asistenciais e de proteción que se poden outorgar.
Antonio Duarte considera que, con esta ferramenta, a información poderase recabar dun xeito moito máis efectivo. "Esta acta é coma un atestado completo, xa que facilita aos axentes dispor de todos os datos na primeira intervención. Consideramos que é unha ferramenta que pode resultar decisiva á hora de previr un posible caso de violencia de xénero, xa que, grazas a ela, quedará rexistrada calquera tipo de incidencia, como unha discusión doméstica. A partir de agora, poderemos actuar antes de que se produza unha denuncia ou que a situación pase a maiores", indicou o xefe da Policía Local de Poio.
Pola súa banda, Katerina Pena explica que a acta de campo axudará a que os axentes poidan realizar a primeira resposta documental e de trámite ante unha posible situación de violencia doméstica ou de xénero. "Existía unha necesidade de incorporar á nosa plataforma aqueles documentos e informes que, de ser precisas, puidesen ser instruídas polos efectivos policiais", engade a coautora de XesPol, que agradeceu a implicación tanto da Policía Local de Poio como das xefaturas que colaboraron no desenvolvemento deste documento, así como a Fiscal Delegada para a Violencia sobre a Muller en Galicia polas súas achegas e á Fiscal de Sala contra a Violencia sobre a Muller polas súas consideracións.
Por último, Marga Caldas lembrou que Poio xa foi un concello pioneiro no uso da plataforma Xespol, algo que se repite coa utilización da acta. A concelleira de Seguridade Cidadá fixo fincapé, ademais, na necesidade de que se denuncien os casos que se produzan de violencia de xénero. "A Policía Local conta co persoal, a impliación e as instalacións necesarias para prestar servizo a quen o necesite", afirmou. Ademais, adiantou que o Concello ten previsto continuar apostando pola formación dos axentes neste ámbito. Deste xeito, xa se está traballando na organización de xornadas formativas con profesionais "para dotar ao corpo dunha maior especialización".