Marga Caldas pide ao PP "que deixe de terxiversar e de enganar aos veciños"
Por Oskar Viéitez
A concelleira de Seguridade do Concello de Poio, Marga Caldas, saiu ao paso das críticas do grupo municipal do Partido Popular que esta semana falou de "utilización de técnicas de intimidación" nas cartas que reciben aqueles veciños do municipio que foron multados pola Policía e teñen pendente o pago.
Segundo a concelleira do PP, Maritxe González, "por sancións de tráfico impostas pola Policía Local por importes de 200 euros están a chegarlle os veciños cartas indicando que ou en 5 días depositan as chaves dos vehículo nas oficinas da Policía Local ou lle embargan e precintan o vehículo, ao noso xuízo isto é desproporcionado, moi arriscado e confiscatorio", indicou a edil popular.
A concelleira de Seguridade Cidadá invitou ao PP a que se dirixan á empresa recadatoria, que é a responsable da realización destas xestións "en todos os concellos nos que traballa". De feito, matizou tamén que nin o alcalde nin a propia concelleira "asinamos nin revisamos este trámite, que corresponde a unha disposición da lei. E, que saibamos, Poio non lexisla".
Ademais, aclarou que esas misivas só as reciben aqueles infractores aos que xa se lles fixeron varios requerimentos previos, sen resposta. "Hai casos nos que se acumulan media ducia de avisos, trátase de infratores que nin asumiron o pago nin presentaron alegacións", advirte a edil nacionalista.
Por último, na empresa non constan queixas de ningún tipo sobre o envío destas cartas. "Pedímoslle ao PP que deixe de terxiversar e de enganar aos veciños porque, de feito, asegura que os afectados teñen que deixar as chaves do coche nas dependencias policiais, cando, en caso de chegarse a ese extremo, terían que facelo na oficina de recadación", ironizou.