A Xunta abre unha liña de axudas ás asociacións de Pontevedra
Por Redacción
A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, reuniuse este venres na delegación territorial da Xunta en Pontevedra con asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e entidades de mulleres rurais da provincia para explicarlles a liña de axudas da Vicepresidencia para a dinamización do asociacionismo veciñal e que coñecesen as vantaxes de solicitar estas subvencións.
Marta Fernández-Tapias lembrou que as achegas do Goberno galego no marco desta orde supuxeron un investimento de máis 861.000 euros o ano pasado na provincia de Pontevedra e que se distribuíron entre as 79 asociacións veciñais.
A Administración autonómica renovou a súa aposta por fomentar o movemento veciñal e na convocatoria para 2020 incrementou en case o 70% o orzamento das axudas, ata acadar os 2,5 millóns de euros.
O importe máximo concedido será de 17.000 euros por entidade, 12.000 euros para a realización de obras e 5.000 euros na dotación de equipamento.