Sanxenxo estrea nova estratexia turística en FITUR
Por Oskar Viéitez
O Concello de Sanxenxo deseñou unha estratexia de promoción de longo prazo para aumentar a afluencia de visitantes entre outubro e maio. Neses meses Sanxenxo suma 300.000 pernoitas hostaleiras, unha cifra que se propoñen dobrar nos próximos 10 anos.
Para alcanzar este obxectivo tan ambicioso vai desenvolver unha estratexia de promoción co fin de que o público perciba Sanxenxo como un destino atractivo en calquera momento do ano.
A marca "Sanxenxo", asociada fundamentalmente ao verán e as súas praias, debe incorporar novos valores como: 365 días do ano, patrimonio e cultura, saúde e descanso, natureza e aves, sendeirismo, roteiro do Padre Sarmiento, Camiño de Santiago, e outros.
Esta nova estratexia será presentada en FITUR o día 24 ás 12:45 horas. O alcalde Telmo Martín desenvolverá esta idea na caseta de Galicia apoiado nos lemas publicitarios "Sanxenxo todo o ano" e "365 días diferentes".
"Cada día, cada fin de semana, cada estación, Sanxenxo é diferente". Para reforzar esta mensaxe elixíronse 4 temas: praias, paisaxe, patrimonio, spa e termalismo.
Ademais o Concello asinará un convenio coa Conselleria de Turismo e o Consorcio de empresarios turísticos de Sanxenxo (CETS) para poñer en marcha iniciativas conxuntas de promoción.
Tamén se reforzará a promoción durante a tempada baixa entre os máis de 600.000 turistas que pasaron o seu verán en Sanxenxo "Queremos seducirlles con argumentos atractivos para que volvan entre outubro e maio. Especialmente aos que residen a menos de 2 horas de Sanxenxo pola súa facilidade para desprazarse as fins de semana", explican desde o goberno local.
Finalmente contratarase unha campaña de publicidade nas principais cidades galegas que se poñerá en marcha no outono e que se baseará en transmitir "razóns moi concretas" para visitar e gozar Sanxenxo calquera fin de semana do ano.
Relacionadas:
-
Sanxenxo márcase como obxectivo para 2021 potenciar as súas rutas de sendeirismo
Por Redacción |
-
Sanxenxo espera contratar este verán a un total de 70 socorristas e ata 20 sanitarios
Por Oskar Viéitez |
-
Máis de 30 empresas turísticas de Sanxenxo desembarcan en FITUR
Por Redacción |
-
A Deputación presentará en Fitur a súa campaña turística "Sigue o teu instinto", centrada na natureza
Por Oskar Viéitez |