O Concello proxecta acometer este ano a humanización da travesía interior de Tenorio
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade proxecta acometer, este mesmo ano, a humanización de practicamente toda a travesía interior de Tenorio, conformada polo antigo treito da N-541 e que actualmente configúrase como a arteria principal da parroquia, cun investimento de 800.000 euros que xa está contemplado nos Orzamentos Municipais 2020, aprobados polo pleno o pasado mes de decembro.
Esta actuación, deseñada polo executivo dirixido por Jorge Cubela, estaba pendente do financiamento, pero dita cuestión foi resolta recentemente cunha visita á zona da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e unha solicitude formal de colaboración. Así, o departamento autonómico atendeu as peticións do goberno local e reportará 550.000 euros para esta obra en dúas anualidades mentres que as arcas municipais asumirán os 250.000 restantes.
Neste punto, o Concello vai proceder ao encargo da redacción do proxecto e á posterior licitación das obras para modernizar por completo case toda a travesía –en concreto 1,4 quilómetros, quedando os 600 metros restantes para unha segunda fase– co ensanchamento das beirarrúas, a renovación do firme da calzada, a regulación axeitada das prazas de estacionamento e a dotación de mobiliario urbano. Así mesmo, tamén se vai dotar a este espazo de completos servizos de alumeado público, abastecemento de augas e saneamento.
"Trátase, de entre os novos proxectos, do máis importante deste ano porque vai supoñer a humanización dun espazo moi poboado e con moita actividade que pretendemos que colla unha estética e funcionalidade similar á da Chan, cuxa obra vimos de rematar agora", detallou Cubela, que engadíu que a política de humanizacións extenderase durante o resto da lexislatura a outros puntos do municipio.
Ademais, esta actuación vai favorecer, ademais da mobilidade interna da parroquia, o acceso ao futuro Centro Sociocultural de Tenorio, que se vai emprazar nunha parcela situada no medio desta travesía. Cómpre sinalar que a construción deste inmoble xa está adxudicada por preto de 600.000 euros e comezará nas vindeiras semanas. "Con estas dúas actuacións máis o saneamento que está a executar a Xunta, cuxo remate está previsto para este ano 2020, cremos que esta parroquia, que acolle ao 20% da poboación do noso concello, vai quedar en perfectas condicións e cuns servizos e infraestruturas de primeiro nivel", concluíu o alcalde.