Preocupación veciñal pola apertura dunha lavandería industrial na rúa O Busto
Por Oskar Viéitez
O grupo municipal do PSOE en Marín trasladou ao Goberno local a "enorme preocupación" que existe entre os veciños do Busto, pola instalación dunha lavandería industrial nesta rúa.
Segundo aseguran os socialistas nun comunicado esa inquietude veciñal cristalizou nun escrito con 200 sinaturas que foi presentado no rexistro do Concello solicitando que se evite a apertura desa instalación.
Segundo explican, a lavandería instalaríase nun baixo dunha superficie próxima a 500 metros cadrados. "Non se trata por tanto dun pequeno local dedicado ao lavado e secado de roupa doméstica, senón que se trataría de dar traslado dunhas instalacións xa existentes noutra parte do municipio e onde xa existen numerosas queixas de veciños, ata o mesmo centro urbano", expón o PSOE.
Entre outras molestias que ocasionaría este negocio, os socialistas recollen a carga e descarga de furgóns, ruído, almacenamento de grandes cantidades de produtos químicos e de limpeza, emisións de vapores e cheiros e inclúen ademais, "as formas de actuar ata o momento do propietario", que tras facer obras no edificio, os residuos da construción (aillantes, paneis sandwinch, sprays,…) "foron enterrados na leira ao lado e posteriormente tapados con terra empregando unha escavadora".
Tamén aseguran que "se realizaron obras a maiores da autorización municipal que tiña concedida e tamén introduciron maquinaria para efectuar un pozo de barrena que afirman está tamén na parcela ao lado tapada cunhas taboleiros de madeira".
Para o grupo municipal socialista esta lavandería será "un foco constante de problemas porque é dificilmente compatible ter unha lavandería industrial no baixo dun edificio no centro de Marín" polo que piden á alcaldesa María Ramallo que "non se poña de perfil e busque unha solución ao problema".