Verducido, Santa María e San Andrés de Xeve renovarán a iluminación pública
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aprobou na súa reunión deste luns a renovación da iluminación pública exterior nas parroquias de Verducido, Santa María e San Andrés de Xeve, cos criterios de eficiencia e aforro enerxético.
Segundo explicou a portavoz do Goberno Local, Anabel Gulías, o Concello financiará parte desta actuación con fondos europeos para renovar 1.887 puntos de luz e 28 cadros da iluminación.
Isto supoñerá unha redución da potencia contratada pasando dos 198 quilovatios actuais que pasarán a ser 87, aínda que isto non vai significar ningunha diminución na iluminación senón todo o contrario, "un consumo moito máis sustentable e racional". A día de hoxe consómense 878.679 quilovatios ao ano e na situación proposta serían 279.822. En euros supón un custo de 114.229 euros ao ano e coas novas luminarias pasará a ser de 36.376 euros, "estamos a falar dun aforro de case un 70%", redondeou Anabel Gulías.
O orzamento para esta actuación é de 1,3 millóns de euros, dos que o 80% pode ser financiado con fondos europeos e o resto xa está incluído nunha partida a cargo do novo orzamento municipal.
O Concello xa renovou a iluminación pública das parroquias de Ponte Sampaio, Canicouva, Bora e está en contratación o de Lourizán.