Nova vertedura de pintura aparecida no río Gafos á altura de Ponte Boleira
Por Anxo Lourido
Un paseante que camiñaba este luns ao mediodía pola contorna de Ponte Boleira comprobou como o río dos Gafos atopábase tinguido dunha cor esbrancuxada. Rapidamente púxose en contacto coa asociación Vaipolorío para alertar desta incidencia, un problema ambiental que se repite con frecuencia desde o ano 2017, afirma Xosé Manuel Feijóo, representante do colectivo ecoloxista pontevedrés.
Desde Vaipolorío contactaron co servizo do 112 Galicia para que se recollan mostras desta nova vertedura no río no seu tramo urbano. Xosé Manuel Feijóo asegura que este problema parece derivado da limpeza de produtos de pintura, que unha vez que chega á rede de sumidoiros remata por desprazarse ata o leito do río.
Antes producíase os venres, afirma Feijóo, pero agora poden atoparse con verteduras similares calquera día da semana a calquera hora. Segundo as análises anteriores, trátase de produtos de pintura non excesivamente agresivos ambientalmente.
Precisamente, a asociación realizaba esta fin de semana a limpeza de pólas e de árbores caídas con motivo do último temporal ao longo do sendeiro do Gafos. Pero debido ao caudal e á forza da auga do río non se puido intervir sobre os restos de árbores que se atopan o leito. Esa intervención, sinala Feijóo, acometerase na primavera ou no verán cando o caudal sexa menor.
Relacionadas:
-
VIDEO.- A "enésima" fuga do sumidoiro do Marco
Por Oskar Viéitez |
-
Vaipolorío chama o voluntariado ecoloxista para retirar as pólas desprendidas no sendeiro do Gafos
Por Redacción |
-
Vaipolorío denuncia a recorrente vertedura ao río Gafos en Tomeza
Por Oskar Viéitez |
-
Vaipolorío alerta dunha nova vertedura na parroquia de Tomeza
Por Redacción |