SOS Sanidade Pública busca o apoio dos concellos para unha gran manifestación en Santiago o 9 de febreiro
Por Redacción & Cristina Saiz
A plataforma SOS Sanidade Pública tentará ter o apoio de todas as corporacións municipais da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés para a gran manifestación que hai convocada o próximo 9 de febreiro en Santiago de Compostela contra do desmantelamento dos hospitais comarcais e os recortes en sanidade e en defensa da atención primaria e do sistema sanitario público en xeral.
Varios integrantes da plataforma en Pontevedra entregaron este luns no rexistro municipal unha moción que pretenden que sexa aprobada pola Xunta de Goberno local en apoio a esta manifestación e anunciaron que a súa intención é presentar esta mocións en todos os municipios da área sanitaria. En Pontevedra buscan que se aprobe en Xunta de Goberno porque antes do 9 de febreiro xa non haberá máis plenos, pero si pretenden que se aproben en pleno noutros concellos e tamén na Deputación Provincial.
O presidente dá Federación Castelao e portavoz de SOS Sanidade Pública Pontevedra, Juan Loureiro Taibo, explicou que a súa intención é " darlle un pouco de pulo aos movementos que se están realizando para a manifestación do día 9 " e lembrou que os recortes no servizo de pediatría da área sanitaria, como noutros puntos de Galicia; a ameaza de peche do paritorio de Verín na que finalmente a Xunta de Galicia deu marcha atrás; e os desvíos de pacientes que se están facendo do sistema público ao privado "dun xeito brutal" xustifican esta manifestación.
Todas estas situacións "non son máis que o desmantelamento en si da sanidade pública" e a plataforma pretende que todos os partidos políticos lles dean o seu apoio. Así, prestarán especial atención en Sanxenxo e Marín, con alcaldes do PP, "para ver se o Partido Popular se decide polo menos a darse conta de que o que está facendo non nos leva a ningún sitio".
Para aumentar a asistencia a esta manifestación, poñerase ao dispor das persoas interesadas un servizo de autobuses e todo o necesario para que resulte multitudinaria e que consiga "dar marcha atrás ao que realmente estamos vendo". Confían en que a asistencia sexa masiva desde a área santiaria.
Desde a plataforma lembran que unha das súas reivindicacións dos últimos tempos está relacionada co Hospital Montecelo para que o proxecto de ampliación "se faga de acordo ao que realmente necesitamos, non ao proxecto que temos agora". Asi, indican que a idea é aumentar en só 60 camas as actuais, "cando necesitamos moitísimas máis nun hospital que teoricamente é para 20 ou 25 anos".
A manifestación do 9 de febreiro busca denunciar tamén a deterioración da atención primaria, as listas de espera e a precariedade dos traballadores sanitarios.
Relacionadas:
-
O BNG comarcal anuncia unha "ofensiva política" en defensa da sanidade pública
Por Diego Espiño |
-
O Concello de Pontevedra apoia a manifestación en defensa da sanidade pública
Por Oskar Viéitez |
-
O persoal de Urxencias de Montecelo protestará pola sobrecarga deste servizo
Por Oskar Viéitez |
-
Telmo Martín chama "populistas de merda" aos que critican a sanidade pública galega
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
Chaman a manifestarse contra o peche de 83 camas previsto para este verán nos hospitais de Pontevedra
Por Alejandro Vila de la Fuente & Anxo Lourido | Creada e actualizada
-
SOS Sanidade Pública concéntrase pola transparencia na xestión da obra do Gran Montecelo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Usuarios do centro de saúde de Baltar volverán mobilizarse polas carencias
Por Oskar Viéitez |