Máis de 250 familias marinenses terán gratis as escolas infantís para o segundo fillo e sucesivos
Por Redacción
A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou este martes dúas das escolas infantís de iniciativa social que a Asociación Educativa Dalila ten no concello de Marín.
Alí destacou que máis de 250 familias desta localidade pontevedresa poderán beneficiarse da gratuidade da educación infantil para segundos fillos e sucesivos que entrará en vigor a partir do 1 de abril.
Fabiola García, que estivo acompañada da alcaldesa da localidade, María Ramallo, precisou que a gratuidade para os segundos fillos e sucesivos implantarase tanto nas escolas públicas da Xunta como nas privadas e de iniciativa social, coma estas de Dalila.
Esta decisión beneficiará ás familias duns 12.500 nenos en toda Galicia e suporá un investimento neste 2020 de máis de 14 millóns de euros.
Tal e como recolle a lei de acompañamento dos orzamentos de 2020, a partir do curso 2020/21 a Xunta apoiará aos concellos que queiran introducir esta medida nas escolas infantís da súa competencia, sempre e cando estean ao día dos seus pagamentos ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.