A estación intermodal estará operativa para recibir a avalancha de pasaxeiros do Xacobeo 2021
Por Natalia Puga & Cristina Saiz
O novo complexo intermodal de Pontevedra, que unirá as estacións de autobús e tren, será unha realidade para o vindeiro Ano Xacobeo 2021. Se se cumpren os prazos previstos, os traballos terán unha duración de doce meses, de maneira que estarán rematados para finais deste ano 2020 ou inicios do ano próximo.
Así o anunciaron este martes o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, que visitaron o inicio das obras en compañía dos concelleiros de Infraestruturas e Obras de Pontevedra, César Mosquera e Demetrio Gómez; do voceiro local do PP, Rafa Domínguez, e de concelleiros e deputados 'populares'.
Ethel Vázquez indicou que o obxectivo é que estea rematada para o Ano Santo, ante o previsible aumento de visitantes e de pasaxeiros de autobús e tren, e Rueda sinalou que se prevé que ante ese incremento de usuarios das dúas estacións o novo servizo estea "a pleno rendemento".
César Mosquera abordou as "peripecias" que sufriu este proxecto antes de que iniciara as obras e destacou tanto a "sorte" de que as dúas estacións estean tan próximas, circunstancia que lle dá vantaxe con respecto a outras cidades, como os beneficios da colaboración entre administracións.
Este proxecto é froito dunha colaboración entre a Xunta de Galicia e o Concello de Pontevedra e conta un investimento de máis de seis millóns de euros, o 75% achegado pola administración autonómica e o 25% pola local. Suporá dous proxectos distintos en un: a mellora da terminal de autobuses, que empezou a construírse no ano 1977, e a mellora da contorna para conseguir un complexo intermodal integrado no resto da cidade.
O complexo intermodal suporá un cambio na propia organización da estación de autobuses, pois o acceso dos vehículos á mesma farase pola nova avenida Josefina Arruti. Esta medida xa se intentara poñer en marcha cando se inaugurou esa vía, pero non foi posible.
Mosquera destacou que o proxectos foi froito dunha negociación entre as dúas administracións na que, finalmente, "sacamos uns proxectos francamente bos", que "levantan o río, resolven moitos problemas e creo que se lle dan solucións francamente acertadas". Na súa opinión, son un exemplo de que "cando se traballa lealmente case sempre saen cousas mellores".
Neste mesmo senso tamén se manifestou Alfonso Rueda, que indica que da colaboración entre institucións "sempre saen cousas boas" e que este proxecto en concreto demostra que "somos capaces de poñernos de acordo e facer cousas" e permite que cumpran "a nosa obriga como administracións".
Ethel Vázquez insistiu en que este proxecto vai facilitar o intercambio dos diferentes modos de transporte e, polo tanto, a mobilidade, promovendo que se poida evitar utilizar o vehículo privado e fomentar o transporte público. En canto ao edificio da estación de autobuses, sinalou que será "máis accesible, moderno e mellorado". Actuarán sobre a fachada, a cuberta, espazos interiores e patio de dársenas.
Sobre o proxecto intermodal puxo de relevancia que "ofrece grandes posibilidades de recuperación e de integración urbana", recuperando o río Gafos e ofrecendo unha nova zona verde para a cidadanía. Haberá unha nova pasarela peonil cuberta que unirá as dúas terminais e eliminaranse as dúas ramplas actuais.
Relacionadas:
-
Pingueiras e charcos desbordan a estación de autobuses: "aquí deberíamos entrar con casco"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
As obras da intermodal van ao "ritmo necesario" para acabalas antes de final de ano
Por Alejandro Espiño |
-
A Xunta retoma as obras da estación intermodal de trens e autobuses en Pontevedra
Por Redacción |
-
Comezan na estación de autobuses as obras do complexo intermodal de Pontevedra
Por Redacción |
-
As obras da estación intermodal comezarán "despois de Reis"
Por Alejandro Espiño |
-
A empresa Extraco comezará nos próximos días as obras na estación de autobuses
Por Oskar Viéitez |
-
A reforma integral da estación de autobuses obtén licenza
Por Oskar Viéitez |
-
A intermodal e a rehabilitación da estación de autobuses estarán terminadas a finais de 2020
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |