Investigan tres persoas en relación cunha asociación cannábica de Estribela que vendía droga polo miúdo
Por Redacción
A Policía Nacional dá por desmantelado un punto de venda de drogas polo miúdo que presuntamente se estableceu nunha asociación cannábica que, en realidade, servía de amparo para a distribución e venda de substancias estupefacientes. Citaron en calidade de investigadas a tres persoas, que non foron detidas.
Segundo a información facilitada pola Policía Nacional, os investigados son tres homes de 33, 37 e 26 anos aos que se atribúe unha actividade de distribución e venda de marihuana e haxix.
Axentes do Grupo Operativo de Tráfico Medio da Comisaría Provincial de Pontevedra iniciaron a investigación por mor dunha serie de queixas veciñais da zona de Estribela polos ruídos e molestias que ocasionaba a actividade desta asociación.
As queixas veciñais empezaron en outubro e os axentes tiveron acceso a unha serie de declaracións sobre os inconvenientes que lle causaban a cantidade de persoas que accedían a un dos baixos do edificio, ocasionando moito ruído e molestias, ademais de queixarse do cheiro tan forte a marihuana que había por todo o edificio.
Os veciños queixábanse de que o forte cheiro chegaba mesmo ás habitacións dos nenos que residen no edificio.
Os axentes realizaron pescudas que corroboraron a gran actividade que se producía no devandito local, o gran número de persoas que entraba no citado baixo e que, tras permanecer un determinado tempo no mesmo, esas persoas abandonábano portando substancias estupefacientes.
Un vez finalizada a investigación policial, consideraron que existen indicios suficientes de que no local da asociación cannábica estaba a desenvolverse unha actividade ilícita de venda de drogas polo miúdo.
Os policías solicitaron á autoridade xudicial autorización de entrada e rexistro no local e alí incautaron 86,8 gramos de haxix, 1.675,54 gramos de marihuana, 2 porros de marihuana, dous teléfonos móbiles, un computador, 3 básculas de precisión e 254,80 euros.