Xunta e Deputación estudan crear unha comisión para a transferencia do Príncipe Felipe
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra iniciou os contactos para avanzar na transferencia daqueles servizos que actualmente presta de forma impropia, xa que son competencia exclusiva da Xunta. O primeiro centro que está sobre a mesa é o centro de menores Príncipe Felipe.
Nunha xuntanza en Santiago coa directora xeral de Familia, María Amparo González, a deputada Noemí Outeda e o director do centro, Manuel García, propuxeron crear unha comisión técnica que estude, avalíe e avance prazos e recursos dunha hipotética transferencia.
A responsable autonómica, segundo comunicou a Deputación, aceptou trasladar esta proposta á conselleira de Política Social, Fabiola García. "Non entenderíamos que se rexeitase polo goberno galego", sinalou a deputada provincial.
Mentres a transferencia non sexa unha realidade, ambas partes acordaron comezar a falar de xeito inmediato da renovación do próximo convenio do centro de atención de menores.
Para iso, a Deputación instou á directora xeral de Familia á elaboración dun calendario de costes co fin de incrementar a aportación económica que fai a Xunta de Galicia para a atención dos menores de Príncipe Felipe e igualar as cantidades que destina a menores doutros centros.
Outeda explicou que se trata, en definitiva, de rematar coa "discriminación actual" que supón que a Consellería de Política Social estea a pagar catro veces menos pola atención a cada menor atendido en Príncipe Felipe en comparación co que aporta pola atención a menores que están en centros privados galegos.
Ademais, tamén solicitarán un encontro coa conselleira de Educación, Carmen Pomar, para analizar a situación do resto dos centros educativos que actualmente se atopan na cidade infantil e que, igualmente, son de competencia directa da Xunta de Galicia.
Así, queren iniciar as conversacións cara o próximo convenio a fin de abordar a situación das edificacións, algunhas con deterioro severo e con urxente necesidade de investimentos. A Deputación quere abordar con Educación a formalización dun protocolo de actuación entre ambas as dúas institucións.
Este diálogo estenderase, segundo a Deputación, ao resto das consellerías que estarían implicadas nestas transferencias, nas que o goberno provincial inclúe tamén a Estación Fitopatolóxica de Areeiro, a Finca de Mouriscade, a Escola de Cantería e a Escola de Enfermería, aínda que neste caso a negociación sería coa Universidade de Vigo.
Relacionadas:
-
Que fai a Deputación de Pontevedra vendendo embrións?
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación esixe á Xunta negociar a transferencia do Centro Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
CC.OO. urxe solucións para evitar a situación "de perigo" para os menores na Cidade Infantil Príncipe Felipe
Por Boris Rodríguez Pintos |
-
A Deputación reparará a cuberta e a fachada do auditorio de Príncipe Felipe
Por Redacción |
-
Saltan as alarmas en Comisións Obreiras ante a negociación para transferir servizos entre Xunta e Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
Para CC.OO. o novo director do Príncipe Felipe "representa unha esperanza para o futuro do centro e dos traballadores"
Por Oskar Viéitez |
-
Manuel García Cendón xa é o novo director de Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez |