Primeiros 26 pasos para a recuperación do casco histórico de Caldas
Por Redacción
O casco histórico de Caldas de Reis presenta unha imaxe renovada. Un total de 26 vivendas acaban de ser rehabilitadas a través do programa de axudas da Área de Rehabilitación Integral (ARI).
Os traballos de acondicionamento afectaron a edificios das parroquias de Santo Tomé e Santa María, declaradas ARI en 2017, e contaron cun orzamento que alcanzou os 154.966 euros.
As actuacións que se levaron a cabo serviron para mellorar a habitabilidade das vivendas mediante a mellora da eficiencia enerxética e da sustentabilidade. Tamén se realizaron traballos para incrementar a súa seguridade e accesibilidade e tarefas de mantemento e de fomento da conservación dos edificios e das vivendas situadas nas rúas de San Roque, Gaioso, Real, Igrexa, Alhóndiga e Ferrería.
Segundo a información facilitada polo alcalde, Juan Manuel Rey, todos os proxectos foron xa entregados ao IGVS para que proceda á súa cualificación e o Concello poida executar os pagos aos promotores.
A totalidade dos proxectos contou, ademais, cunha bonificación do 95% no Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO).
As obras foron xestionadas polo Concello dende a Oficina Municipal de Rehabilitación da ARI e subvencionadas en virtude do convenio asinado co Ministerio de fomento e o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).
Juan Manuel Rey fixo fincapé na oportunidade que ofrece esta liña de axudas para afrontar a renovación completa do centro histórico e para converter Caldas de Reis nunha vila aínda máis atractiva para veciñanza e turistas.
As actuacións na ARI non van quedar aquí, pois prevese que na próxima fase se poidan rehabilitar outras 40 vivendas da localidade. A apertura desta convocatoria terá lugar previsiblemente ao longo das próximas semanas. De acordo coa área delimitada na declaración da ARI, poderanse acoller a esta liña de subvencións ata 469 vivendas.
A veciñanza poderá pedir información e asesoramento técnico na Oficina Municipal de Rehabilitación da ARI, aberta os martes e os xoves, de 08.00 a 14.00 horas, nas dependencias do Concello.