Arranca a VII edición de Pontenciencia coa participación de trece colexios
O proxecto Pontenciencia, que pretende estimular a participación cidadá en procesos científicos e facer visible a ciencia entre os nenos e nenas e as súas familias, arrancou o día 10 de xaneiro a súa séptima edición, que durará ata mediados de febreiro.
O obxectivo principal destes talleres é explicarlles a grupos de escolares de Educación Primaria e ás súas familias como realizar unha investigación. Temén ensina o protocolo a seguir, de maneira lóxica e organizada, e como conseguir que os resultados sexan reproducibles e confiables.
Nesta feira haberá dous tipos de obradoiros, uns destinados a escolares de 5º e 6º de Primaria que participarán na feira co seu centro escolar e que se desenvolverán dentro da aula en horario lectivo; e outros dirixidos ás familias que desexen participar cos seus fillos/as (de entre 7 e 12 anos), convocados a través das ANPA e impartidos en horario de tarde.
Esta serie de accións formativas leváronse a cabo xa no CEE Pontevedra, no CEIP Plurilingüe Froebel, no CPR Salvador Moreno e nos CEIP de Marcón, Cabanas e A Xunqueira II e continuarán nas próximas semanas nos CEIP San Martiño, San Benito de Lérez, Ponte Sampaio, no CEP Marcos da Portela, no CPR San José e nos plurilingües Sagrado Corazón de Os Praceres e Pontevedra Leste.
Os proxectos de investigación que se desenvolvan irán destinados ao concurso Pontenciencia e á exposición en 'Pontenciencia: feira da miniciencia', que se celebrará no mes de xuño.
Esta feira, aberta á cidadanía, estará dividida en tres sesións: ‘Ciencia no cole’ (venres 5 de xuño), coa presentación dos proxectos de investigación dos centros participantes (5º e 6º de Primaria); ‘Premios de investigación’, dirixida a Educación Secundaria e ‘Ciencia en familia’ (sábado 6 de xuño); e a entrega de galardóns, coa presentación dos proxectos de investigación das familias participantes e a deliberación do xurado (sábado 6 de xuño).
Nesta edición se incluirá como principal novidade os Premios de Investigación ‘Homenaxe á muller investigadora’, dirixida aos estudantes de secundaria e que busca darlle visibilidade ao traballo das mulleres neste sector.
Relacionadas:
-
Unha decena de centros educativos participan en Pontenciencia a partir do luns 9 de novembro
Por Redacción |
-
RADIO.- Os escolares do CEIP Froebel toman a palabra nas Conversas na Ferrería
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Experimentar coas propias mans para descubrir os segredos da ciencia
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Pontenciencia 2019 sacará á luz 47 proxectos de investigación elaborados durante este curso
Por Redacción |