Denuncian un novo vertido a causa das obras do Nó do Pino horas antes de que Ana Pastor as inaugure
Por Natalia Puga
A ministra de Fomento, Ana Pastor, inaugurará este sábado a remodelación do Nó do Pino. Ás poucas horas de que se produza este acto oficial a asociación ecoloxista Vaipolorío denuncia unha nova vertedura ocasionada por esta actuación e insiste en que as obras "non están rematadas". "Para os vehículos, si. Para o río Gafos, non", puntualizan nun comunicado.
Vaipolorío quéixase de deficiencias no sistema de rede de sumidoiros que discorre paralelo ao río por debaixo da ponte recén construída: "A súa cota foi modificada producindo unha vertedura dun sumidoiro ao río Gafos dende hai un mes".
A asociación ecoloxista xa
denunciou esta situación ante Augas de Galicia, Aquagest, o Concello de Pontevedra e a Conselleria de Medio Ambiente,Territorio e Infraestruturas e mantivo reunións con responsables municipais e da consellería e Augas de Galicia, pero aseguran que "todo segue igual".Segun aseguran, dende que comezou a vertedura xa producíronse dous episodios de mortaldade de peixes, o primeiro o 6 de xullo e o segundo este mesmo venres 19 de xullo. Foi a segunda ocasión en 13 días e Vaipolorío alertou o 112 e distintos servizos de emerxencias.
Debido a estes dous episodios e á presenza ininterrompida desta vertedura, a asociación decidiu este ano, "por primeira vez nos seus trece anos de existencia", non realizar a habitual limpeza do río Gafos no tramo afectado. Así, non actuarán dende o punto de vertedura no Nó do Pino ata a desembocadura do río "por seguridade e salubridade dos seus membros e demais voluntarios e entidades que colaboran connosco".
Relacionadas:
-
Os Gafos, suma e segue...
Por Redacción |
-
Unha vertedura tingue de branco o baixo caudal do Gafos
Por Redacción |
-
Vaipolorío e o mito de Sísifo
Por Oskar Viéitez |
-
As obras do Nó do Pino afrontan as súas últimas semanas
Por Oskar Viéitez |
-
Pechan ao tráfico, parcial ou totalmente, o Nó do Pino durante varios días para completar as súas obras
Por Redacción |