Ponte Caldelas prescinde da Feira de Oportunidades e aposta por unha campaña de promoción do comercio
Por Redacción
Ponte Caldelas perderá este ano a súa xa habitual Feira de Oportunidades que se celebraba a primeiros de ano no pavillón de Chan da Barcia e pasará a ter unha campaña específica para dinamizar o comercio local.
Trátase dunha decisión da Asociación de Comerciantes de Ponte Caldelas , que optou este ano por dar un xiro á súa actividade dos primeiros meses do ano e poñer en marcha unha campaña de inverno, que consistirá no reparto de máis de 4.000 euros en premios e que se dará a coñecer nos vindeiros días.
A decisión baséase na situación de esmorecemento das feiras de oportunidades, unha realidade en toda Galicia á que non era allea Ponte Caldelas. Ademais, ten en conta o éxito da campaña de nadal, na que se repartiron máis de 5.000 euros en premios.
Coempo aposta por esta iniciativa porque se ten demostrado que ten moi boa acollida entre a clientela e anima a comprar no comercio de Ponte Caldelas a moitos veciños de toda a comarca.
Segundo informou o Concello de Ponte Caldelas, a Mesa Local de Comercio celebrada este mércores deu o visto bo a esta nova iniciativa, que porá en marcha grazas á subvención anual de 12.000 euros que percibe Coempo do Concello de Ponte Caldelas.
A Mesa Local de Comercio está composta polo alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz Sobral (presidente); Mónica Valle (secretaria); Rosa María Rivas Lois, da xefatura territorial da Consellería de Economía e Industria; Jesús Peleteiro, presidente de Coempo; e Miguel Estévez, técnico da administración local.