A CIG demanda ao novo Goberno unhas pensións públicas dignas e garantidas
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
A praza da Peregrina acolleu este xoves unha concentración organizada polo colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG na demanda de pensións públicas dignas e garantidas.
Ao igual que se fixo de xeito simultáneo noutras tantas concentracións nas sete grandes vilas galegas, en Pontevedra pediron que se derroguen de inmediato as reformas que nos anos 2011 e 2013 aprobaron os gobernos do PSOE e do PP, respectivamente.
No manifesto lido este xoves, denunciaron que as pensións galegas son as segundas máis baixas do Estado; que segundo os últimos datos, referidos a 2018, máis da metade son inferiores a 706,6 euros; que a pensión media dunha muller galega é case 300 euros menor ca pensión dun galego e que das persoas con pensións máis baixas, máis do 60% son mulleres.
Na central nacionalista están convencidos de que "só un mercado laboral forte, con salarios xustos e emprego estable, pode garantir os recursos suficientes para o sistema público de pensións".
Unha vez investido o novo presidente e conformados os novos ministerios, a central sindical demanda medidas inmediatas para dar unha solución a esta grave situación.
Para iso a CIG reclama, entre outras medidas urxentes, a supresión do factor de sustentabilidade; a fixación por lei da pensións mínima igual ao Salario Mínimo Interprofesional e a súa revalorización anual, como mínimo, co IPC; a xubilación ordinaria aos 65 anos e voluntaria a partir dos 35 cotizados (reais ou por aplicación de coeficientes redutores) e que o cálculo da base reguladora se faga segundo as bases de cotización, actualizadas á data de reporte da pensión co IPC de todo o tempo transcorrido, dun período de 10 anos elixido pola persoa beneficiaria.
Xunto a isto demanda a supresión das bonificacións e reducións da cotización empresarial á Seguridade Social en determinados tipos de contratos laborais; que se eliminen os topes máximos de cotización á Seguridade Social, mantendo uns límites máximos para o importe da pensións e o traspaso á administración galega da competencia de xestión do réxime económico da Seguridade Social prevista no Estatuto de Autonomía.