O convulso pleno extraordinario polas preferentes remata cun peche na Deputación
Por Anxo Lourido
O pleno extraordinario sobre as preferentes solicitado polo voceiro da Plataforma de afectados de Vigo, José Manuel Estévez, desenvolveuse na Deputación provincial nun ambiente de tensión cara ás filas populares.
O presidente provincial, Rafael Louzán e o deputado popular, José Manuel Figueroa, foron os principais obxectivos por parte dos afectados que ocuparon o aforamento do salón de plenos do Pazo provincial.
Media hora antes do inicio do pleno, ambos os dous explicaran ante a prensa os avances que se viñeron producindo durante o último ano en relación á estafa das preferentes. Segundo manifestaba Figueroa 40.171 galegos afectados xa recibiron o 100% do que perderan e situaba o importe recuperado en 500 millóns de euros.
Pero á súa chegada ao pleno, ambos os dous dirixentes foron apupados polas arredor de trescentas persoas que agardaban no salón de Plenos, integrantes das distintas plataformas de afectados que coreraron o lema "Non imos parar ata vos cartos recuperar". Foron os representantes das distintas plataformas os que protagonizaron o inicio do pleno. Micrófono en man os voceiros foron, durante unha hora, expoñendo as súas principais reclamacións. José Manuel Estévez entregou unha folla aos distintos grupos coas súas peticións que se centran en derogar o decreto que lles obriga a asumir a non recuperación de todo o diñeiro que perderon, na supresión das taxas e os custos procesuais e na retirada das sancións que a Subdelegación do Goberno lles notificou polas protestas na rúa.
Os distintos voceiros reclamaron que se continúe co sistema da arbitraxe para recuperar todo o diñeiro e rexeitan a vía xudicial. Nesa mesma liña mantivéronse os voceiros do PSOE, Santos Héctor, e do BNG, Iolanda Veloso, que reclamaron unha solución para o resto de afectados que aínda non puideron recuperar o seu diñeiro.
Neste sentido, José Manuel Figueroa, interrompido con frecuencia polos asistentes, explicou que se están a buscar solucións e que é necesario que todos traballen na mesma dirección. Figueroa indicou que a culpa non era do Partido Popular e mostrou brevemente unha foto na que aparecían Gayoso e Méndez e afirmou que os culpables eran eles. A partir dese momento aumentou a ira dos presentes que, nalgúns casos, mostraron fotografías dos deputados galegos do PP no Parlamento español aos que acusan de ter apoiado o proceso de quita que, consideran, vai prexudicar aos afectados. Os asistentes ao pleno afirmaban que a metade dos afectados non recuperaron todo os cartos.
Cando xa se levaban máis de dúas horas de pleno, a situación volveuse caótica con varios empregados da Deputación intentando evitar que voceiros da plataforma se achegasen ata a mesa da presidencia na que se encontraba Rafael Louzán. Produciuse unha breve discusión entre os representantes do BNG e do PSOE co propio presidente da Deputación mentres continuaban os berros de protesta dende os asentos do público. Pouco despois, Louzán daba por concluído o pleno.
Tal e como acordaran a través da coordinadora de Plataformas, un grupo de máis de douscentos afectados decidiron quedar no interior do edificio da Deputación. Moitos deles levaban bocadillos e comida e foron ocupando diferentes zonas do edificio.
Segundo Xulio Vicente, o seu obxectivo é permanecer encerrados "ata que nos boten", outros voceiros indicaban que cando se pechen as portas do edificio provincial durante a tarde abandonarán o encerro. Finalmente, puxeron fin al peche pasadas as 20.30 horas da tarde e, segundo o voceiro da plataforma de afectados de Pontevedra, Daniel Rabuñal, "sin ningún incidente".