O goberno local coordina as actividades cos colectivos sociais de Barro
Por Redacción
O goberno municipal de Barro convocou unha reunión cos colectivos sociais e culturais co obxectivo de coordinar as actividades que se realizan no concello durante todo o ano.
Segundo sinala o goberno local, estes colectivos teñen un "papel fundamental" na dinamización social e cultural do concello organizando actividades de todo tipo, que xunto coa programación do Concello fai que en Barro exista unha "gran cantidade e variedade de actividades ao longo de todo o ano", das que poden disfrutar tanto a veciñanza como "milleiros de persoas" que se achegan a este municipio.
Nesta reunión, celebrada na noite do pasado mércores, acordouse coordinar a programación das distintas entidades para evitar, dentro do posible, que coincidan nas mesmas datas eventos diferentes, e apoiarse entre todo tecido asociativo para difundir todo o que en Barro se organiza.
O alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, aproveitou a reunión para agradecerlle a todas as entidades o seu traballo e para poñer á súa disposición a colaboración do Concello en todos os eventos que organicen.