Educación dota o colexio de Marcón dun patio cuberto
Por Redacción
A través dunha achega de 46.500 euros, a Consellería de Educación vén de financiar as obras para dotar o colexio de Marcón dun patio cuberto.
Este centro, pese a dispor dunha ampla parcela, apenas tiña espazo cuberto exterior para que os nenos puideran xogar ou facer actividades sen sufrir inclemencias atmosféricas.
O novo patio está situado na fachada principal do edificio, pegado ao ximnasio, nun espazo que ata o de agora estaba sen edificar, polo que foi necesario realizar traballos de acondicionamento do terreo.
Este novo espazo permitirá aos alumnos e alumnas do colexio de Marcón realizar actividades e xogar fóra do edificio incluso en días de choiva, evitando que teñan que permanecer nas aulas ou nos corredores no tempo do recreo.
O patio foi executado con cimentación de formigón armado, estrutura portante metálica, cuberta de pranchas tipo sándwich e soleira pavimentada. Dispón dun acceso directo dende o ximnasio a través da escaleira e dunha rampla para persoas con mobilidade reducida.
Educación, segundo destaca o goberno galego, destinou nos últimos anos un total de 86.400 euros a este centro, co obxectivo de realizar obras como a reposición do pavimento do comedor, a execución de ramplas e outras melloras.