Detectan problemas de accesibilidade cognitiva na casa consistorial de Marín e anuncian medidas para resolvelos
Por Redacción
A Asociación Juan XXIII realizou o mes pasado unha inspección na casa consistorial de Marín para avaliar os puntos fortes e os débiles que as instalacións municipais presentan con respecto á accesibilidade cognitiva e concluíu que é necesario mellorar algunhas cuestións de sinalización.
Este xoves, o equipo avaliador destas cuestións da Asociación Juan XXIII reuniuse coa alcaldesa de Marín, María Ramallo, e a concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, para analizar os resultados desta inspección e destacaron como punto máis relevante que a sinalización debe ser comprensible e sinxela.
O goberno local tomou nota do que lle trasladou a asociación coa finalidade de implementar as melloras correspondentes nun breve prazo de tempo.
Entre as medidas que se estudarán destacan a mellora da sinalización vertical nas inmediacións da porta principal do Concello, incluíndo a direccións que se debe tomar para ir ata outros edificios próximos, como os Xulgados, Aduanas ou a Biblioteca municipal.
Ademais, estudarán a elaboración de carteis que indiquen, de maneira sinxela, cal é o horario de atención ao público e a creación dun directorio que tamén conte cun apoio gráfico e ilustrativo, para que sexa máis sinxela a comprensión.
Ramallo e Sanmartín mostraron a súa disposición para adoptar todas as solucións que sexan viables. Pola súa parte, a asociación asegurou que o Concello contará con todo o apoio do Grupo de Accesibilidade Cognitiva do colectivo para deseñar e implementar as melloras.
Enténdese por accesibilidade cognitiva a propiedade que teñen aquelas contornas, bens, produtos, servizos, obxectos ou instrumentos para resultar intelixibles ou de fácil comprensiós.