Instalan novos elementos de calmado de tráfico no acceso á ponte de Monte Porreiro
Por Redacción
A ausencia de chuvia durante os últimos días permitiron á empresa EC Casas iniciar as obras de instalación de novos elementos de calmado de tráfico no acceso da ponte de Monte Porreiro, dende a rotonda da intersección da avenida Médico Ballina e a N-550.
Esta actuación, que executa a Deputación de Pontevedra, fora solicitada polo Concello logo de constatar deficiencias na estrada tras as queixas reiteradas dos veciños e dos usuarios da vía.
O servizo de Mobilidade da Deputación realizou no seu día unha inspección e comprobou o estado de conservación deficiente da vía polo borrado case absoluto das liñas lonxitudinais.
Tamén advertiu que existían dúas interseccións con pasos de peóns que se estimaba conveniente protexer mediante actuacións para a redución de velocidade, xa que existía unha situación de perigo de accidente para as persoas usuarias.
Os operarios da empresa están a levantar un redutor de velocidade no treito entre a glorieta na N-550 e a glorieta da estrada a Campo Lameiro para substituílo por un paso de peóns sobreelevado, que facilitará o tránsito peonil seguro á hora de cruzar a estrada.
Tamén se está a instalar un redutor de velocidade na entrada do seguinte treito, que leva á ponte. As dúas construcións están sendo pintadas para a súa correcta identificación por parte de condutores e viandantes.
Ademais dos elementos de calmado de tráfico, no contrato tamén se inclúe unha roza de noiros en todo o percorrido, a mellora da sinalización vertical, a reposición das pilonas de caucho da ponte que están rotas e o tratamento para marcar a senda peonil e ciclista.
Os traballos da senda, sen embargo, non se poderán executar de inmediato, xa que o material necesario para o tratamento superficial en cor vermella do itinerario -unha leitada bituminosa coñecida como 'slurry'- non se pode aplicar nin con frío nin con chuvia e precisa varios días seguidos de bo tempo para asentar correctamente e garantir a súa durabilidade.
Esa situación obrigará a agardar á primavera para facer a obra, corrixir todas as deficiencias e entregar definitivamente o viario ao Concello en boas condicións.