Dous detidos por falsificar documentación para facilitar que un cidadán venezolano fixese o DNI
Por Redacción
Axentes da Brigada Provincial de Estranxeiría e Fronteiras da Comisaría Provincial de Pontevedra detiveron semanas atrás a dúas persoas como presuntas responsables dun delito de falsidade en documento oficial por supostamente falsificar a documentación necesaria para que un deles, de nacionalidade venezolana, puidese facer o DNI en España.
Un dos detidos é o propio cidadán venezolano que pretendía obter a documentación española e o outro é funcionario dun concello próximo a Lalín no que presuntamente lle estamparon o selo co que o primeiro tentou obter o DNI. Este traballador público recoñeceu que era unha práctica habitual poñer este selo en diferentes documentos e que descoñecía o carácter ilícito do seu proceder.
A Policía Nacional detívoos o pasado 10 de decembro, despois de que o cidadán venezolano tentase por segunda vez facer ese trámite, nesa segunda ocasión usando documentación falsa. Todo empezara na Unidade de Extranjeria e Documentación de Lalín, cando os axentes policiais alertaron da presenza dun cidadán de nacionalidade venezolana que se presentou en dependencias policiais para solicitar a primeira expedición do DNI.
Na súa primeira visita ás dependencias, este home presentou documentación que acreditaba que era fillo dun cidadán español de orixe e unha partida literal de nacemento expedida polo Consulado Español en Caracas mediante a cal solicitaba a primeira expedición do DNI ao ter dereito a iso.
Os axentes da Unidade de Estranxeiría e Documentación de Lalín comprobaron que o selo consular colocado na Partida Literal de nacemento non autorizaba expresamente a ese documento como medio para a obtención do DNI, sendo este un dos requisitos legais establecidos para o efecto. Indicáronlle que para poder realizar validamente o trámite debe solicitar e obter unha nova Partida ao Consulado de Caracas que o facultase expresamente para a obtención do DNI.
Pasados uns días este home regresou e presentou a mesma partida consular achegada pero cun selo novo que indica que é válida para a obtención do DNI. Os axentes policiais de Lalín realizaron diversas comprobacións e consultas tanto á Comisaría Xeral de Estranxeiría e Fronteiras como ao Consulado de España en Caracas e puideron verificar que ese selo fora posto a posteriori, alterando o documento oficial e que, ademais, non se corresponde con ningún dos selos oficiais utilizados nin pola Comisaría Xeral de Estranxeiría nin polo Consulado de España en Caracas.