Reforzan a Atención Primaria da área sanitaria de Pontevedra con dezasete novos profesionais
Por Redacción
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés anunciou este venres que este ano vai reforzar o cadro de persoal en Atención Primaria con 17 novas prazas de profesionais de distintas especialidades con cargo ao Plan Galego de Atención de Atención Primaria. Nos últimos meses do ano 2019 xa se incorporaron cinco novos profesionais e nos primeiros meses de 2020 está previsto que sexan outros doce.
En concreto, a finais de 2019 reforzouse o persoal con un médico de Medicina Familiar e Comunitaria no centro de saúde de A Parda, tres enfermeiras nos centros de saúde de Baltar (Sanxenxo), A Parda e San Roque (Vilagarcía de Arousa) e un fisioterapeuta no centro de saúde de Tenorio (Cerdedo-Cotobade).
En canto ás doce novas prazas, tres son de facultativos de Medicina Familiar e Comunitaria (2 para prestar servizo en centros de saúde e unha para asistencia nun Punto de Atención Continuada-PAC), dúas de pediatras, tres de enfermeiras especialistas en Medicina Familiar e Comunitaria, unha praza para Enfermaría de Punto de Atención Continuada-PAC e unha de Enfermaría especialista en Pediatría. Ademais incrementarase unha nova praza máis de fisioterapeuta e unha para Traballo Social nesta área sanitaria.
Desde a área sanitaria destacan que coa creación destas novas prazas diminuiranse os cupos daqueles profesionais de Atención Primaria que teñen máis pacientes asignados, de xeito que estas novas prazas veñen a reforzar a actividade asistencial realizada.
Ditas prazas cubriranse ao marxe das posibles xubilacións que poidan producirse ao longo do ano na rede de 44 dispositivos asistenciais repartidos xeograficamente entre Pontevedra e O Salnés.
Está prevista a cobertura das prazas o máis axiña posible. Actualmente a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés está a avaliar a máis adecuada distribución das mesmas, tendo en conta tanto criterios asistenciais como estruturais dos distintos centros sanitarios.