Comezan as obras que converterán os Baños do San Xusto en balneario con pozas públicas
Por Redacción
Un proxecto "apaixonante" e que, ata o de agora, é o único de carácter público en Galicia. Así define o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, a recuperación paisaxística e a rehabilitación integral das augas termais e dos Baños do San Xusto.
Esta actuación, que xa comezou a executarse, permitirá contar a esta área cun balneario, saunas, pozas públicas, espazos de hostalaría e zonas de lecer e esparexemento. Será, engadiu Cubela, un atractivo turístico "de máximo nivel" e agarda que teña "moito tirón".
As obras, posibles pola xestión de fondos coa Xunta no primeiro Pacto Pola Paisaxe de Galicia, ten un orzamento de case 700.000 euros e foron contratadas á empresa Coviastec.
Consisten na rehabilitación da antiga minicentral, os edificios anexos e as bañeiras, así como na recuperación dos muíños e doutros elementos patrimoniais e etnográficos da contorna, na que se poderá gozar dos beneficios das augas termais a través de pozas públicas ao aire libre.
Así, proxéctase a restauración da antiga minicentral como balneario para o uso de augas sulfurofluoradas, a recuperación dos catro muíños e da casa do muiñeiro para a súa conversión en saunas e das edificacións anexas para locais de hostalaría.
Ademais, tamén haberá espazos de lecer con plataformas de madeira, fontes cubertas para poder beber as augas, posta en valor de todos os elementos arquitectónicos e mellora dos accesos e a urbanización.
Tamén vaise proceder a unha reordenación da zona, mantendo as antigas bañeiras ou reconstruíndoas a partires das súas propias trazas co obxectivo de que poidan ser empregadas de xeito libre. Esta zona de entrada tamén verá mellorada a súa fonte, as súas sendas e escaleiras e a vexetación co obxectivo de que a auga sexa a gran protagonista.
Aínda que o prazo de execución é de doce meses, as previsións apuntan a que, se non hai atrancos nin unha climatoloxía moi adversa, o complexo termal poderá quedar rematado neste mesmo ano co obxectivo de que entre en funcionamento a comezos de 2021.
Relacionadas:
-
PP, PSOE y BNG de Cerdedo-Cotobade apoian as obras de Baños do San Xusto tras a denuncia de Andrés Díaz
Por Redacción |
-
Jorge Cubela arremete contra cargos do PSOE por "tentar paralizar" a rehabilitación dos Baños do San Xusto
Por Redacción |
-
Reanudan as obras públicas en Cerdedo-Cotobade tras a suspensión polo estado de alarma
Por Redacción |
-
A rehabilitación integral dos Baños do San Xusto será unha realidade en 2020
Por Redacción |
-
Os Baños de San Xusto reconverteranse en balneario, saunas e pozas termais
Por Redacción |