Descartan instalar a lavandería industrial no Busto para satisfacción veciñal
Por Redacción
Os veciños do Busto xa respiran tranquilo. A lavandería industrial que estaba proxectada no baixo dun dos edificios desta rúa foi descartada. Así o confirmaron os seus responsables nunha reunión celebrada nos últimos días.
Este proxecto desencadeara unha campaña de recollida de firmas na que máis de duascentas persoas mostraron o seu rexeitamento ao lugar elixido polas molestias que xeraría e os problemas que causaría o uso de produtos químicos ou a emisión de vapores e cheiros.
Ante este enorme malestar, os veciños lograron reunirse co propietario do inmoble, coa mediación do concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos, e o portavoz de PSOE, Manuel Pazos.
Nesta reunión, que segundo os veciños "foi tensa por momentos pero moi construtiva", o dono do local asegurou que dedicará ese baixo a garaxes e non ten intención de trasladar alí a súa actividade de lavandería.
Iso si, os afectados advirten que "se o que di non fose certo", actuarán con "toda a contundencia" que permitan as leis e, mesmo, acudirían aos tribunais.
Esta problemática serviu ademais para impulsar a creación dunha asociación de veciños que, entre outras cuestións, márcase como obxectivo reclamar investimentos nun barrio tan céntrico como O Busto, no que non se realiza "ningún tipo de obra ou mellora desde hai moitos anos".