Concentración de repulsa en Pontevedra polo crime machista da Pastoriza
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
A Subdelegación do Goberno de Pontevedra acolleu este luns unha concentración de repulsa polo crime machista cometido este sábado na Pastoriza, na provincia de Lugo, onde un octoxenario asasinou á súa muller, de 79 anos antes de suicidarse.
Neste acto de rexeitamento participou a corporación local do Concello de Pontevedra e os máximos representantes das forzas e corpos de seguridade do Estado.
A subdelegada do Goberno, Maica Larriba insistiu na "necesaria colaboración de todos e cada un dos cidadáns" e apelou á responsabilidade da sociedade. "A violencia de xénero non é só un asunto que incumbe ao ámbito da familia, amigos ou ao círculo dos máis achegados", lembrou.
"Unha vez máis estamos aquí para gritar que as mulleres non están soas e que a sociedade esta con elas", dixo Maica Larriba. "Isto é unha tarefa colectiva, é unha tarefa de todos", engadiu.
Este luns a Xunta de Goberno local de Pontevedra taménn expresou a súa condena a este crime. A concelleira portavoz, Carme Da Silva, sinalou que "a sociedade non pode seguir consentindo estes asasinatos".
Da Silva tamén animou a toda a cidadanía pontevedresa a participar na concentración convocada polo movemento feminista para as 20.30 horas deste luns fronte á Audiencia Provincial á que o Concello tamén se suma.