Agride un médico no Hospital Provincial e, na detención, causa lesións a un policía e a un garda de seguridade
Por Redacción
O acompañante dun paciente que acudía a Urxencias Pediátricas agredía un facultativo do Hospital Provincial durante este sábado 25 ao redor das 21.00 horas. O persoal médico solicitaba a presenza do vixiante de seguridade do centro para tentar localizar a esta persoa violenta que se escapou polos corredores das instalacións sanitarias.
O vixiante alertou ao 091 para que axentes da Policía Nacional fixeran acto de presenza ante a situación do home atacante que, presuntamente, se atopaba baixo os efectos de substancias estupefacientes.
Tras a persecución, o agresor foi reducido entre o garda de seguridade e efectivos da Policía Nacional. Pero a intervención provocou que un dos axentes policiais e o integrante da empresa encargada da seguridade sufrisen lesións. Ademais, o agresor no momento da detención, segundo indican fontes sindicais, proferiu ameazas de morte contra o vixiante de seguridade, que debido ás feridas sufridas atópase de baixa médica.
Este novo suceso provocou que desde a Federación FeSP UXT solicite do SERGAS que estude a posibilidade de incrementar o persoal de seguridade, ademais reclama máis medios para facer fronte a estas situacións violentas. Sinalan que nestas circunstancias é practicamente imposible manter un clima de seguridade no centro hospitalario tanto para o resto de pacientes como para o persoal asistencial e médico.