Coidadoras, as mulleres que Marín homenaxeará o 8M
Por Redacción
O Consello Municipal da Muller de Marín, formado por representantes dos partidos políticos, con persoal técnico do Centro de Información á Muller (CIM) e de Servizos Sociais, ademais de integrantes de asociacións veciñais e de mulleres, mantiñan un encontro este luns no que decidían que as coidadoras serán as protagonistas na vila dos actos conmemorativos do 8 de marzo con motivo do Día Internacional da Muller.
A intención do Consello é que a homenaxe se dedique ás coidadoras nun sentido amplo, tanto a aquelas mulleres que coidan de familiares, de persoas dependentes ou das que traballan fóra de casa ou ás que son amas de casa e contan cunha persoa ao seu cargo á que teñen que atender. A concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, indica que se quere englobar a todos os perfís dentro do termo "coidadoras".
O acto institucional vai levarse a cabo o segundo domingo de marzo na praza 8 de Marzo a partir das 13.00 horas. En caso de choiva, o evento trasladaríase ás instalacións do Concello.
Os actos con motivo desta conmemoración iniciaranse o 5 de marzo coa repartición das cuncas cunha viñeta do ilustrador gráfico Luis Davila, tal e como vén sucedendo durante os últimos anos.
As participantes no Consello tamén analzaron a declaración institucional achegando as súas propostas. Está previsto que na lectura do documento se inclúan datos sobre a historia que se atopa tras esta conmemoración do 8 M e vai expoñerse a situación actual da muller na vila de Marín, en relación coa actividade laboral e coa repartición de tarefas domésticas e de coidado, reclamando unha maior responsabilidade e igualdade entre homes e mulleres.