O Concello adxudica as hortas urbanas e ecolóxicas do Sequelo
Por Redacción
O salón de Plenos do Concello de Marín acolleu este luns o reparto das hortas urbanas do Sequelo, un total de 72 parcelas. Foron presentadas en prazo un total de 74 solicitudes, aínda que 3 foron descartadas por ser do mesmo domicilio, polo que se cubriron todas as parcelas existentes, excepto unha que se vai cubrir coa listaxe de espera que xa hai coas solicitudes presentadas fora de prazo.
A concelleira Marián Sanmartín foi a encargada do reparto das cesións de uso das hortas, que pasan a ser de catro anos de duración.
Aquelas persoas que xa contaban cunha parcela adxudicada en anos anteriores seguirán explotando o mesmo terreo. O resto das parcelas foron repartidas entre os solicitantes por orde de inscrición.
O Concello móstrase "moi satisfeito" pola boa acollida e o gran éxito que teñen as hortas urbanas, que supoñen unha opción de ocio sostible familiar e que incentiva o auto cultivo, a alimentación saludable e a sostenibilidade ambiental.