O PP anuncia unha "batería de propostas" para as parroquias de Cerponzóns, Bora e A Canicouva
Por Oskar Viéitez
O grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra anunciou que presentará unha "batería de propostas" para as parroquias de Cerponzóns, Bora e A Canicouva.
Dentro do percorrido polas parroquias do rural pontevedrés iniciado polos concelleiros populares esta semana visitaron A Canicouva, Bora e Cerponzóns, onde tivo lugar o segundo dos encontros veciñais que o Partido Popular vén mantendo cos veciños.
No grupo municipal do PP expresaron a súa sorpresa ante as peticións que lles fan os veciños que, ao seu xuízo, reflicten "o desleixo do BNG e do PSOE" xa que "son demandas básicas e elementais".
A concelleira Pepa Pardo elaborou este mesmo martes unha "batería de propostas" que presentará no rexistro municipal e que achegan "solucións aos obstáculos e dificultades que sofren os cidadáns".
Son cuestións como o saneamento, o mantemento do mobiliario ou o mal estado das estradas.
Pardo remitirá aos veciños o escrito e o xustificante de entrega para que quede constancia da solicitude.
CANICOUVA E BORA
O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, visitou tamén este luns A Canicouva, onde puido comprobar as deficiencias da casa da cultura, que arrastra problemas de illamento e de calefacción.
A continuación, Domínguez coñeceu as dificultades de acceso a varias vivendas en Bora, "nalgunhas casas afectadas vive xente maior á que unha ambulancia non pode socorrer en casos de urxencia debido ao mal estado da estrada".
Domínguez tamén presentará no rexistro municipal solucións para ambos os casos.