Os empresarios piden bonificacións á contratación ante o aumento do SMI
Por Alejandro Espiño
A subida do salario mínimo interprofesional ata os 950 euros, medida pactada polo Goberno, sindicatos e a patronal, pode crear "nun primeiro momento", segundo os empresarios pontevedreses, "certas complicacións" para as empresas.
Así o destacou este martes o presidente da Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra (AJE), Jesús Rey, nun almorzo informativo. Por iso é polo que reclamase que o Goberno estableza "ayudas o bonificacións" á contratación para que as empresas poidan facer fronte ao aumento dos custos salariais.
É unha das medidas que solicitan desde AJE ao executivo de Pedro Sánchez, xunto coa eliminación das peaxes na AP-9, ao entender que "lastran la competitividad" das empresas da provincia ou a redución da "desproporcionada" cota de autónomos.
O empresario, segundo AJE, "tiene que sentirse apoyado" e entenden que "no puede ser" que cada concello "tenga una política diferente", por exemplo, en materia de polígonos industriais en lugar de deseñar unha "política global" que incentive a actividade económica.
A situación actual, engadiu Rey, é "muy compleja" para os emprendedores, xa que nun panorama económico de "continuo cambio" hai que realizar unha "renovación constante", o que provoca que detectasen un "punto de inflexión" no quinto ano de vida, con empresas que non poden manter os seus investimentos "y deciden dejar su actividad".
NOVOS DIRECTIVOS
A asociación, que segundo o seu presidente mostra un "afán constante" pola renovación, presentou a dous novos directivos, o avogado Javier Costa, do despacho Zelei Avogados de Vilagarcía; e Rubén Outeda, responsable da empresa de alimentación Versos da Ruda, compañía de Sanxenxo especializada en sobremesas.
AJE, que actualmente conta cuns 150 asociados, celebra a incorporación de novos integrantes para "hacer cosas diferentes", segundo Jesús Rey, que tamén destacou o aumento de socios en sectores ata o de agora minoritarios na asociación como a alimentación ou o turismo, especialmente o relacionado co Camiño de Santiago.
Nesta nova etapa AJE incrementará as súas actividades e, entre os seus próximos obxectivos, está a celebración o vindeiro xoves do seu tradicional Pincho de Inverno, un 'networking senior' con Froiz ou charlas para pemes sobre márketing dixital e oratoria, entre outras materias.