Treves Pontevedra garante a permanencia dos 150 empregos na fábrica do Campiño ata 2023
Por Redacción
O comité de empresa en Treves logrou pactar coa dirección da empresa en Pontevedra un novo convenio 2019-21 que incorpora o plan industrial da empresa ata 2023.
Durante un ano negociouse este acordo, segundo explican desde a CIG, e o resultado é que se garanten os 150 empregos actuais na nave situada no Polígono do Campiño. A asemblea aprobaba este sábado o preacordo con 60 votos a favor, cinco en contra e catro abstencións.
A empresa comprométese a levar a cabo en Pontevedra proxectos como o P24 de Citroën, o Wolkswagen Terror de Portugal, o Polo Cup de Wolkswagen Nafarroa, e o Opel Corsa de Zaragoza.
O presidente do comité David Couñago, da CIG, teme que o problema xurda en 2023 cando se deixe de fabricar o Citroën C4 Picasso. Ante esa situación temen que exista un exceso de persoal por falta de carga de traballo.
Ante esta situación, o sindicato nacionalista insta tanto a Citroën, principal cliente de Treves, como á Xunta de Galicia a que se garantan novos proxectos que manteñan o número de empregos na nave. Neste sentido, Couñago critica á Xunta sinalando que a empresa Rieter en Ourense está a recibir subvencións públicas para instalarse no polígono da Rúa, asumindo parte da carga de traballo de Treves.
"Núñez Feijóo ten que ter claro que crear postos de traballo en Galiza non significa quitarllos a Pontevedra e levalos para Ourense", alerta David Couñago.
O novo convenio establece melloras nas condicións laborais no fondo social e no seguro de vida e accidente, ademais de subir o salario medio un 5%. Segundo as fontes sindicalistas, o maior incremento dos soldos prodúcese nas categorías máis baixas, coa idea de ir igualando os salarios de maneira progresiva.
A empresa aceptou a proposta sindical para modernizar a fábrica coa instalación de placas fotovoltaicas. O presidente do comité tamén reclama á Xunta que aposte pola creación dunha tarifa eléctrica galega que aumente a competitividade das empresas mediante a redución dos custos enerxéticos.