A canceira municipal de Poio xa conta cun traballador a xornada completa
Por Redacción
As dependencias da canceira municipal, situadas no lugar da Armada, na parroquia de Combarro, contan desde esta semana cun novo operario. Trátase dun traballador, contratado a xornada completa, que se encargará do mantemento e limpeza destas instalacións municipais, para que estean nas melloras condicións posibles.
O concelleiro de Medio Ambiente e Persoal, Xosé Luís Martínez, explica que a nova incorporación desenvolverá o seu labor en horario de mañá e lembra que esta medida forma parte dos acordos acadados a finais do pasado ano coa Asociación Fogarcan Amigos da Canceira de Poio.
O convenio, que fora asinado a principios de decembro, entrou en vigor unha vez que se aprobou de xeito definitivo o orzamento municipal de 2020, que xa incluía unha partida específica para acometer esta contratación.
Ademais, o acordo tamén inclúe outras novidades, como o desenvolvemento de diferentes actividades para concienciar á cidadanía contra o abandono de mascotas e para fomentar as adopcións.
Poio é un dos poucos concellos da provincia de Pontevedra que conta cunha canceira municipal. Trátase dun servizo que leva operativo desde hai máis de 20 anos. Foi a finais da década dos 90, durante o primeiro mandato do actual alcalde, Luciano Sobral, cando se apostou por poñer en marcha estas instalacións en Combarro.
"O goberno local está moi sensibilizado co coidado dos animais", indicou Martínez, que tamén quixo poñer en valor o "importantísimo labor" que desenvolven os integrantes de Fogarcan Amigos da Canceira. Ademais da difusión en redes sociais e do coidado dos animais, a agrupación organiza saídas cos animais durante as fins de semana, entre outras iniciativas.
A colaboración entre a asociación e o Concello remóntase a hai máis dunha década. Actualmente, nas instalacións atópanse máis de 50 cans.