RADIO.- Leccións desde o 'crisol de culturas' de Canadá ás aulas de Pontevedra
Por Natalia Puga & Marisa Ciordia
María Pasarín, Bea Somoza e Estefanía Obenza son profesoras nos CEIP Plurilingües de Conmeniño de O Grove, Riomaior de Vilaboa e San Benito de Lérez, respectivamente, pero durante o primeiro trimestre deste curso 2019-20 tiveron a oportunidade de empaparse do sistema educativo de centros situados a preto de 7.000 quilómetros, en Canadá. Desprazáronse durante un mes a distintos colexios dese país no marco do programa Piale, impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e que permite que o profesorado galego realice itinerarios formativos para mellorar a competencia lingüística e comunicativa en lingua estranxeira. Ao seu regreso, compartiron a súa experiencia no programa de PontevedraViva que acompaña esta información.
A integración adoita ser unha das claves para mellorar a competencia en linguas estranxeiras e María, Bea e Estefanía puideron comprobar o seu éxito en primeira persoa con motivo da súa participación neste proxecto. Ao mesmo tempo ca elas acudiron un total de 40 profesores doutros puntos de Galicia e noutra fase do programa fixérono outros 40. Un total de 80 docentes nese país este curso que, despois de catro semanas integrados en distintos centros educativos (un en cada colexio), regresaron e están a trasladar entre o resto do profesorado e do alumnado galego unha experiencia que, no caso das tres mestras pontevedresas, repetirían cos ollos pechados.
No seu caso, ademais, durante a súa estadía alí fixeron piña con outros sete profesionais e xuntos complementaron a experiencia de pasar as horas lectivas en distintas escolas con viaxes e experiencias dentro do propio país nas súas horas libres que lles permitiron completar o coñecemento dunha sociedade que Bea define como "un crisol de culturas".
"Todas estivemos en centros diferentes e estamos dacordo en que vivimos unha multiculturalidade que seguramente noutro país europeo non poderíamos vivir", destaca esta mestra destinada en Vilaboa que, desde o seu regreso, xa organizou varias actividades na aula que lle permitiron ao alumnado do seu centro compartir experiencias e formación coa rapazada do centro no que estudou en Canadá.
Canadá forma parte deste proxecto porque a nivel educativo está nos primeiros postos do ránking de avaliación de Pisa, de maneira que adoita resultar enriquecedor coñecer como educa os seus pequenos un país con tan bo nivel educativo, pero tamén por esa riqueza cultural, pois o profesorado que se acolle ao Piale adoita traballar ensinando unha lingua estranxeira en Galicia e resulta para eles positivo ver como se traballa en centros educativos dun país no que conviven nunha mesma aula "moitísimas nacionalidades e moitísimas linguas" e no que, tal e como explica María, "non só celebran o Nadal, tamén outras festividades".
En xeral, unha das cuestións que máis chamou a atención e espertou a admiración destas tres docentes pontevedresas foi ese "respecto á diversidade", que nas aulas canadienses "son moi respectuosos". Pero tamén a maneira na que se traballan as emocións. A pesar de que no contacto cos nenos, a relación é máis aséptica, está máis baseada no respecto e menos nas emocións e a relación directa que adoita verse nas aulas galegas, logo na propia aula abordan co alumnado a educación emocional.
A nivel de organización do sistema educativo, non notan moitas diferencias en canto aos niveis, pois, ao igual que en Galicia, a educación non é obrigatoria ata os 6 anos, a Primaria abarca ata os 12 e é obrigado para o alumnado permanecer escolarizado ata os 16, pero si que notaron diferencias en cuestións como a cantidade de familias que optan por escolarizar os seus nenos máis tarde. Así, no noso país o 99,99% da poboación leva aos nenos a educación infantil a pesar de non ser obrigatoria, pero alí a porcentaxe é moito menor.
María si que notou que hai diferencias en aspectos como, por exemplo, que a iniciación á lectura "quizais sexa máis lenta" e a todas lles chamou a atención (debateron moito sobre o particular) que teñen máis interese en afianzar conceptos básicos e en lograr que os nenos logren un espírito crítico que en dar máis e máis contidos.
Segundo trasladou Bea ao seu regreso, a frase que máis chamou a atención ao profesorado galego foi que no seu centro se dicía moito ao alumnado: "estás tomando malas decisións". Non lles dicían que se estaban portando ben ou mal, senón que a súa decisión era mala, como unha "forma de facelo reflexionar" pois o obxectivo é educar aos nenos desde moi pequenos para que aprendan a tomar boas decisións porque se aprenden de pequenos, vano facer no futuro.
Así, segundo resumen estas docentes, fronte ao sistema galego no que hai máis esforzo en dar máis contidos, en Canadá dedican moito tempo ás cousas, poñen moito máis énfase en intentar que pensen e en reforzar os contidos básicos. Despois de analizar os dous sistemas, estas profesoras galegas conclúen que pode que a clave do éxito da educación canadiense sexa esa, que "non teñen tanta présa nin ganas de correr e deixan aos nenos pensar", e consideran que quizais se puidera importar parte dese concepto a Galicia.
María, Bea e Estefanía notaron en si mesmas que regresaron de Canadá máis calmadas e con espírito para reflexionar e abordar a súa relación cos nenos desde a tranquilidade e conclúen que "iso temos que reflexionalo: primeiro, calmarnos nós porque así conseguimos que os nenos se tranquilicen e logo reflexionar moito e deixar aos nenos pensar, reflexionar, que cometan erros". Nese pensamento e nesa autonomía é onde o sistema educativo galego pode mellorar, ao seu parecer.
A estas docentes en particular tamén lles gustou moito outro aspecto do sistema canadiense que cren que se podería estudar para a súa implantación en Galicia, que apostan por centros con espazos educativos máis amplos, aulas que permiten a posibilidade de preparar máis recunchos e nas que hai máis mobilidade entre niveis educativos e clases como, por exemplo, un centro no que presenciaron como os profesores se organizaban para que os escolares estiveran na clase que quixeran.
Nesta liña, a Estefanía chamoulle a atención que no seu centro tiñan un programa consensuado no que todos os venres sacaban aos nenos a traballar en contacto coa natureza, un paso "moi enriquecedor" no que ían ata o colexio familias, voluntarios ou antigos profesores e compartían cos nenos. A Bea gustoulle que no seu centro, na zona de primaria, tiñan un 'Open Concept', todo aberto e, por exemplo, na biblioteca, que era o corazón do centro, ao mesmo tempo podían estar alumnos de distintos niveis, uns en sofás, outros en cadeiras mecedoras, algúns en bicicletas estáticas para os nenos máis activos e todos lendo e compartindo.
"Encantoume ver os nenos traballando por todas partes, cunha autonomía, un respecto polo espazo e por outros compañeiros que aquí sería complicado facer", destaca Bea, mentres que María sinala que os nenos con necesidades educativas especiais están integrados por completo na aula e teñen recursos para que, por exemplo, aqueles que teñen TDAH poidan dar renda solta a esa hiperactividade saíndo ao corredor ou facendo actividade física. En todo caso, no seu centro si que tiña unha característica especial que era unha aula específica para nenos con autismo.
Ao seu regreso desa experiencia, na que durante catro semanas se integraron na vida escolar, aínda que sen obrigas lectivas, en centros de Canadá, están xa inmersas na terceira fase do programa (a primeira foi formativa e a segunda a viaxe), que se centra na difusión da experiencia adquirida, e conclúen que o sistema educativo galego ten recursos e materiais suficientes, pero "sempre queda por mellorar" e unha forma de facelo sería ser menos estritos, respectar os distintos ritmos do alumnado e apostar por eses momentos que elas viviron en Canadá nos que, despois dunha clase, paraban un minuto para tomar aire e que alumnado e profesorado se relaxara.