O BNG propón activar en Moraña un programa para axudar a maiores que viven sós
Por Oskar Viéitez
O BNG vén de rexistrar unha moción presentando a iniciativa denominada como "Moraña Escoita", unha proposta de atención gratuita a persoas maiores que viven soas nos seus fogares e que complementa outros servizos existentes no municipio.
O responsable local do BNG, Rubén Fernández sinalou que o concello conta en 2020 con máis de mil veciños maiores de 65 anos cunha porcentaxe importante delas e deles que viven sós e que precisan, ademais dos recursos existentes, unha maior atención e dispoñibilidade dos recursos municipais para mellorar as súas condicións de vida.
Rubén Fernández asegura que a iniciativa está pensada para "previr situacións de illamento, soidade e risco para o benestar integral das persoas maiores que residen soas", pretendendo pois "encher un baleiro" naquelas casas nas que se detecte a necesidade de acompañar, comunicar, seguir e preguntar.
En resumo, trátase de axudar a persoas maiores que residen soas no que precisen, axudando a paliar así posibles situacións de illamento, soidade, procesos depresivos ou outros contratempos puntuais.