O Concello encarga un inventario completo de pistas e camiños municipais en Cerdedo
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade vai encargar un inventario completo da rede e da titularidade das pistas e dos camiños municipais correspondentes co territorio de Cerdedo, conformado por oito parroquias.
O obxectivo é coñecer con exactitude cales son as vías da súa competencia para poder definir axeitadamente os plans de mellora, actuacións e investimentos nas mesmas.
Para elo, o Concello vai encargar este servizo de inventario, cun orzamento global de 15.000 euros, a un equipo especializado e externo conformado por persoal de enxeñería e informática.
En principio está previsto que este traballo se desenvolva durante practicamente todo o ano, xa que se estima nuns dez meses.
O Concello xa dispón do inventario de camiños municipais correspondente coas trece parroquias de Cotobade e agora o goberno local pretende acometer o mesmo estudo no territorio de Cerdedo para unificar esta documentación.