Poio insta a Sanidade a que mellore o servizo e constrúa un novo centro de saúde
Por Redacción
O Concello de Poio volverá a poñerse en contacto coa Consellería de Sanidade para reclamar, unha vez máis, melloras no servizo sanitario da vila.
A corporación municipal aprobou, de xeito unánime, na sesión plenaria deste martes, unha moción presentada polo BNG e defendida pola súa voceira, Marga Caldas, a través da cal se acorda, entre outras medidas, enviar un escrito, asinado polos voceiros de todos os grupos, no que se solicitan "melloras urxentes" para "abordar os problemas que temos coa sanidade pública".
A moción recalca a necesidade de que a Xunta dote á vila dun Punto de Atención Continuada (PAC) e manteña operativos os consultorios periféricos de Raxó e Combarro. O Concello comprométese a poñer a disposición da administración autonómica os terreos necesarios "de xeito inmediato" en caso de que dea luz verde ao proxecto. Actualmente o goberno local manexa tres emprazamentos diferentes para acoller o futuro centro de saúde.
Ademais, o escrito tamén insta á dotación de más médicos pediatras (en Poio actualmente só hai un operativo) e á eliminación de listas de agarda, que en centros como Combarro ou Anafáns chegan a superar en ocasións os dez días de duración.
O tripartito entende que este tipo de medidas son básicas para mellorar un servizo que actualmente é "moi deficitario", tal e como sinalou a voceira de Avante, Silvia Díaz. O goberno local cre que a situación "é insostible", máxime tendo en conta o crecemento da poboación na vila no que vai de século XXI, ata superar os 17.000 censados.
Os grupos da corporación tamén acordaron engadir unha emenda á moción para que o Concello se sume á manifestación que terá lugar o vindeiro 9 de febreiro en Santiago en defensa da sanidade pública. Habilitaranse autobuses para a veciñanza.
O deste martes foi o primeiro pleno retransmitido en directo en Poio. As sesións poderanse seguir en vivo no canal de Youtube Plenos do Concello. Unha vez rematadas as sesións, estas poderanse visualizar a través da canle oficial do propio Concello de Poio.