O Concello de Pontevedra inicia o proceso de rescisión do contrato á empresa Nexia
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra iniciou este mércores o proceso sancionador e de rescisión do contrato á empresa construtora Nexia por incumprimento na execución das obras de canalización de servizos e pavimentación da estrada nos lugares de Rorís, Meán e O Outeiro na parroquia de Lourizán.
A obra consistía na instalación do saneamento e auga potábel, mellora da accesibilidade e reposición do firme nun tramo dun quilómetro por valor de 184.809 euros.
Mentres pon en marcha este proceso, así como o de proposta de prohibición de contratación coa administración, os servizos técnicos municipais e xurídicos xa estudan como resolver as malas condicións nas que a empresa deixou as vías, xa que a obra está executada, aproximadamente, a un 30%.
POIO
No Concello de Poio a empresa Nexia Infraestruturas tiña adxudicada a contrucción dunha nova vía na Caeira, na parroquia de San Salvador, e a humanización do núcleo da Seara, na de San Xoán.
O goberno local tamén comunicou a súa intención é rescindir o contrato.
Igualmente a Deputación ten algunhas obras adxudicadas a Nexia que agora terán que resolverse, segundo indicou a presidenta provincial, Carmela Silva.
PROVEDORES
A empresa conta con setenta traballadores que miran con inquedanza o seu futuro laboral.
Este martes concentráronse diante as oficinas da emprensa Nexia en Marcón un grupo de provedores en representación da trintena de empresas afectadas pola falta de pagamentos despois da marcha, supostamente a Panamá, do anterior director xeral, Pablo Valiñas Monteagudo, e o seu pai, José Luis Valiñas Barreiro, fundador de Sercoysa, unha empresa pechada en 2016 deixando unha débeda de 16 millóns de euros.
Os provedores organizaranse para presentar unha denuncia por alzamento de bens, estafa e administración desleal. A empresa Nexia deixa un buraco económico superior aos 8 millóns de euros.