Servizos Sociais de Moraña tramita as axudas autonómicas aos veciños con fillos menores de tres anos
Por Redacción
O Departamento de Servizos Sociais de Moraña acaba de comezar a xestionar a tramitación de axudas autonómicas, impulsadas pola Xunta de Galicia, para os veciños do municipio que teñan a cargo fillos menores de tres anos.
As persoas interesadas poden recabar información na dependencia municipal os luns, martes e xoves de 9.00 a 13.00 horas e teñen que presentar a súa solicitude a través da sede electrónica ou do rexistro xeral da Xunta ou por medio do Concello de Moraña ata o vindeiro 10 de marzo.
Esta prestación económica de pago único promovida pola Consellería de Política Social oriéntase a persoas que teñan ao seu cargo fillos menores de tres anos nados no ano 2017 e que, no exercicio 2018, ningún membro da unidade familiar estivese obrigado a presentar a declaración do IRPF.
Para as familias con cativos menores de tres anos, pero nados nos anos 2018 ou 2019, a Xunta ten habilitada a Tarxeta Benvida, que ten os mesmos importes de axuda pero outros prazos e formatos de solicitude.
Os requisitos que se precisan para obter estas axudas xa en curso son que os proxenitores teñan a residencia habitual en Galicia, que na data de solicitude os cativos convivan co peticionario e o xa comentado de que ningún membro da familia tivese obriga de presentar a declaración do IRPF en 2018 nin tampouco o fixera de xeito voluntario.
Entre a documentación necesaria para formalizar a solicitude de axuda figuran unha copia do DNI do solicitante e do seu cónxuxe ou parella, unha fotocopia do libro de familia, un certificado de convivencia da unidade familiar e unha copia de sentenza de nulidade, separación ou divorcio, se fora o caso.