Barro estrea 25 lombos en dez zonas do municipio
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra vén de instalar en distintos lugares do Concello de Barro redutores físicos de velocidade e repuxo os de caucho existentes. En total, instaláronse 25 lombos en dez zonas do municipio.
Os deputados provinciais Gregorio Agís e Santos Héctor Rodríguez fixeron este xoves, xunto ao alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, un pequeno percorrido polas zonas nas que se actuou neste proxecto, no que se investiron preto de 70.000 euros e que foi financiado no marco do Plan de Remodelación e Mellora da Seguridade dos Viarios Municipais (DepoRemse).
A maioría destes lombos executáronse en novas localizacións estratéxicas, como os situados nas inmediacións do colexio de Curro. En concreto, foron colocados tres en Cangrallo (parroquia de Perdecanai), tres en Balixe (Perdecanai), dous en Valbón (Agudelo), un en Mane (Barro), tres en Outeda-Polígono (Curro), dous en San Amaro (Portela), dous no colexio de Curro e na zona deportiva de Curro instaláronse catro redutores.
Decidiuse actuar nestas zonas onde non estaba plenamente garantida a seguridade necesaria para os desprazamentos dos peóns, especialmente naqueles viarios de conexión entre núcleos de poboación o no caso da parroquia de Curro, o núcleo do Concello, onde se atopan equipamentos como o colexio, a piscina ou o pavillón.
Amais, en varios destes núcleos existen espazos de encontro dos habitantes que debían protexerse, segundo a Deputación. Outro dos condicionantes de Barro foi o trazado do Camiño de Santiago que discorre por este concello, que implica unha gran cantidade de camiñantes por estes viarios.