O BNG leva novamente ao Parlamento a "grave situación" do Centro de Saúde de Anafáns
Por Oskar Viéitez
O Bloque Nacionalista Galego denuncia que as listas de agarda nos centros de saúde de Raxó, Combarro e Anafáns estanse incrementando como consecuencia da decisión da Xunta de Galicia de non substituír ao persoal sanitario cando está de baixa ou de permiso.
Segundo sinalan, hai esperas de máis de doce días para unha consulta co médico de familia e para as analíticas. Ademáis, moitas persoas que precisan dun seguimento personalizado agora non poden ser atendidas, ocasionando trastornos no seu tratamento, e en moitos casos vense obrigadas a acudir a Urxencias, co conseguinte colapso deste servizo.
No Bloque cren que o persoal sanitario está a soportar unha sobrecarga de traballo, chegando mesmo a prolongar a súa xornada laboral, ao ter que atender o cupo de compañeiros.
No BNG fanse eco das críticas dos usuarios do centro de saúde de Anfáns porque soporta máis poboación que os anteriores cunha plantilla de 4 médicos, sendo un deles compartido con Combarro. "Actualmente a situación é moito peor porque non se están cubrindo as baixas dos propios médicos da plantilla", engaden.
O BNG leva demandado esta situación fai tempo e xa presentaron alegacións aos orzamentos da Xunta solicitando a construcción urxente dun Centro de Saúde para Poio dotado de medios materiais e humanos como correspondería para unha poboación de máis de 17.000 habitantes que no período de verán duplícase.
A posición unánime da corporación é que se constrúa un Punto de Atención Continuada (PAC) e que se manteñan os consultorios médicos actuais de Combarro e Raxó. O Concello de Poio ofreceu tres terreos para a construcción do novo centro de saúde, e comprometeuse a pór en disposición o terreo de maneira inmediata unha vez que a Xunta dé o visto bo.
Diante desta "grave situación" o grupo parlamentario do BNG presenta unha proposición non de lei coa que pretende que o Parlamento inste ao goberno galego a impulsar a construción do novo centro de saúde en substitución do actual de Anafáns, a manter os actuais consultorios médicos de Combarro e Raxó, a mellorar a dotación de médicos de familia e persoal de pediatría e enfermaría, e cubrir as baixas por vacacións e enfermidade, co fin de reducir as listas de agarda e mellorar a atención sanitaria nos centros de saúde de Poio.
Relacionadas:
-
A Valedora do Pobo comprométese co BNG a investigar a situación sanitaria de Poio
Por Redacción |
-
Poio destinará parte dos seus aforros á adquisición de terreos para o futuro centro de saúde
Por Oskar Viéitez |
-
Poio insta a Sanidade a que mellore o servizo e constrúa un novo centro de saúde
Por Redacción |
-
O Sergas volve propoñer a ampliación do centro de saúde de Anafáns
Por Oskar Viéitez |