O alcalde encoméndalle aos directores xerais "ser pioneiros en ter unha Administración dinámica e áxil"
Por Cristina Saiz & Oskar Viéitez
Este xoves tivo lugar a primeira reunión de coordinación entre o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e os catro directores xerais Daniel Macenlle, José Manuel Gómez Abal, Jesús Gómez Viñas, e José Manuel Tato, aos que corresponden as áreas de Protección Cidadá, Recursos Humanos, Mobilidade e Urbanismo respectivamente.
Segundo informou o Concello, o encontro serviu para "definir os principais obxectivos de cara a un mellor funcionamento de cada unha das áreas e da Adminsitración local en xeral"
Fernández Lores mencionou como o principal obxectivo que "a maquinaria do Concello funcione como un todo" e lembrou que "ao igual que fomos pioneiros facendo cousas que non se estaban facendo noutros sitios, agora o que queremos é ser pioneiros en ter unha Administración dinámica e áxil".
Nesta primeira xuntanza co alcalde estiveron presentes parte dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, Carme Fouces, Eva Vilaverde, Demetrio Gómez e Xaquín Moreda.
O alcalde trasladoulles unha serie de tarefas nas que comezar a traballar, tales como analizar a organización interna dos servizos e propoñer os axustes precisos para o seu funciomento óptimo, planificar o traballo e as prioridades a curto, medio e longo prazo, e coordinar o funcionamento entre as diferentes áreas do Concello, ademais das suxestións que os propios directores xerais vaian achegando.
Tras esta primeira xuntanza, tamén se acordou manter encontros de traballo periódicos para ir avaliando e planificando o traballo conxuntamente.