Sorprenden cinco persoas, dúas delas nai e fillo, roubando material nas obras da AVE
Por Natalia Puga
A Policía Local de Pontevedra sorprendeu cinco persoas, entre eles un menor que ía acompañado da súa nai, mentres subtraían distinto material de ferro nas obras da AVE ao seu paso pola rúa 12 de Novembro.
Segundo informou a Policía Local, sorprendéronos a plena luz do día, sobre as 14.10 horas do 17 de xullo, nun recinto valado das obras da AVE. Dentro tiñan unha furgoneta e o punto de acceso estaba aberto, pero descoñécese se o deixaron así os traballadores e ou se o abriron os supostos ladróns.
Cando os axentes lles soprenderon, tres persoas estaban no interior da furgoneta manipulando sacos de cor branca cargados de material e outras dúas estaban fóra a vestir chalecos reflectantes dos utilizados polos traballadores deste tipo de construcións. Estaban a recoller ferro, fundamentalmente varas utilizadas para revestimentos de formigón.
Os policías preguntáronlles pola súa presenza no lugar e dixéronlles que estaban a recoller ferralla tirada e que accederan porque non había porta, de modo que xustificaban que non estarían a cometer ningún delito.
Non obstante, os axentes verificaron que aínda que a porta estaba aberta, había sinalización exterior que indicaba que a zona é de acceso restrinxido a traballadores. Ademais, o lugar non estaba cheo de lixo e desperdicios, senón que funciona a xeito de almacén para materiais de obra.
Os cinco foron imputados por un delito de furto e o menor quedou a disposición da súa nai, que tamén se encontraba entre os alí presentes.