Denuncian a apertura de pistas e a tala de piñeiros en Cabo Udra
Desde a Asociación Ecoloxista de Bueu Anduxía síntense negativamente sorprendidos polas actuacións que sufriu a ruta entre a praia de Lagos e Cabo Udra. A zona pertence o ZEC (Zona de Especial Conservación) da Red Natura 2000, unha rede ecolóxica europea que procura protexer a biodiversidade, asegurarando a supervivencia a longo prazo das especies e os tipos de hábitat en Europa.
Por iso, desde a asociación consideran que as alteracións ambientais levadas a cabo inflúen de maneira negativa nas zonas afectadas. Entre estas alteracións sinalan que se abriron novas pistas forestais, que teñen un impacto tanto na paisaxe como na erosión do solo; e a creación dunha nova pista cara a enseada do Pouso ao sur de Punta Escandiña, coñecida como Praia dos Moscallos, que afectou gravemente á vexetación e que pode ter consecuencias tanto pola erosión do solo como na limpeza da praia, ao entender que poden chegar materiais arrastrados polas choivas. Tamén critican o levantamento dun muro que crea unha especie de encoro artifical, e que está a afectar ás especies que viven alí, tanto vexetais como animais.
En canto a tala, desde Anduxía consideran que é excesiva. Critican que os salgueiros foran cortados por crecer inclinados ou torcidos, cando afirman que esa é a forma natural en que se desenvolven esas árbores.
Ademais dos salgueiros tamén os piñeiros foron vítimas desta excesiva tala, segundo a asociación. Malia que esta intervención é a única que aparecía recollida no plan do Parque Forestal Cabo Udra, non se atendeu á premisa de cortar só árbores danadas ou en mal estado “evitando as cortas a feito para respectar a conservación do espazo natural” como estaba previsto. Os responsables do colectivo non comprenden como se cortaran árbores de ata un metro de diámetro e en bo estado.
A asociación ecoloxista, mediante un escrito, piden ao Servizo de Patrimonio Natural de Pontevedra que aclare se estas intervencións foron previamente autorizadas.