O orzamento da Lama supera o millón e medio de euros e vai centrarse en protección social
Por Redacción
A corporación municipal da Lama aprobou os orzamentos municipais para este 2020 no pleno celebrado nas últimas horas cos votos do Partido Popular e Cidadáns. O orzamento ascende a 1.577.170,80 euros, uns 20.000 euros superior ao de 2019.
Este orzamento, segundo o alcalde Jorge Canda, destinará un de cada cinco euros a actuacións de protección e promoción social, unha partida que conta con 341.026 euros co obxectivo de atender a persoas demandantes do servizo de atención no fogar, ao Centro de Información á Muller e ao programa Xantar na Casa.
Ademas, segundo o rexedor, as contas municipais destinaranse sobre todo a manter os servizos públicos actuais, favorecer investimentos en viais e en apoiar a actividade social e cultural do municipio.
O desexo do goberno local é manter conxeladas as taxas e os impostos municipais. A débeda é dun 5,5 % do orzamento, moi afastada do 110% máximo que permite o ministerio de Facenda.
O pleno tamén aprobou a dedicación parcial do tenente de alcalde David Carrera, coa abstención de Cidadáns. Con esta decisión, o goberno local quere que se reforce a atención cidadá personalizada e favorecer o contacto directo coa veciñanza.
O concelleiro de Cidadáns, Andrés Cal, pediulle ao equipo de goberno o cambio de horario dos plenos coa intención de favorecer a participación dos outros dous grupos da oposición (PSdeG-PSOE e BNG). Os seus concelleiros sinalan as dificultades que teñen para acudir ás sesións por motivos laborais. O alcalde indicoulle que a lei ampáraos para que fagan uso desas horas como representantes públicos e que por operatividade seguirá mantendo os plenos ás 14.00 horas.