Cinco menores de idade, detidos polos roubos nunha vivenda e unha autocaravana en Vilanova de Arousa
Por Redacción
A Garda Civil detivo cinco mozos, todos eles menores de idade, como presuntos autores de senllos roubos con forza en Vilanova de Arousa, concretamente nunha autocaravana e no interior dunha vivenda.
As investigacións realizadas polo Equipo de Investigación da Compañía da Garda Civil de Vilagarcía de Arousa permitiron o esclarecemento destes dous roubos cometidos a principios do pasado mes de decembro.
Segundo a explicación do corpo de seguridade, os detidos tiveron que forzar unha das portas traseiras da vivenda asaltada e despois de inutilizar a golpes o sistema de alarma, subtraeron do seu interior diñeiro en efectivo, un computador, un televisor, unha bicicleta, un trípode dunha cámara fotográfica e varias pezas de vestir.
O mesmo día forzarían tamén a xanela dunha autocaravana que estaba estacionada nunha leira pechada e levaron un ukelele entre os obxectos subtraídos.
Os mozos, veciños de Vilanova e Vilagarcía de Arousa e con idades comprendidas entre os 14 e os 17 anos, foron postos en liberdade unha vez instruídas as correspondentes dilixencias, coa obrigación de comparecer ante a Fiscalía de Menores de Pontevedra cando sexan requiridos.
Os axentes recuperaron a práctica totalidade dos efectos subtraídos e que aínda estaban en poder dalgún dos detidos.