O BNG comarcal anuncia unha "ofensiva política" en defensa da sanidade pública
Por Diego Espiño
A situación da sanidade pública, en especial na comarca, centrou o encontro deste sábado entre os responsables municipais do BNG dunha decena de municipios da zona e o deputado Luís Bará.
Trátase, aseguran, dun "estado de auténtica emerxencia" ante o "colapso ou colapso próximo na sanidade pública na comarca e en xeral en todo o país" polos recortes experimentados ao longo dos últimos anos.
"Podemos decir que nestes momentos a sanidade pública está na UCI e se non se descalabrou é fundamentalmente polo compromiso e dedicación dos profesionais que están aguantando unha estrutura que está sendo atacada", explicou Luís Bará tras a reunión cos seus compañeiros de formación.
Aínda que as queixas céntranse en moitos casos na atención primaria ou pediátrica nos diferentes centros de saúde, o deputado nacionalista puxo o foco tamén na "situación límite, caótica" que se está producindo nas urxencias do Hospital Montecelo, onde "nos din os profesionais que están pasando cousas que nunca pasaran, e iso ten relación coa mala planificación, coa redución do gasto sanitario e co desvío de gasto sanitario para o sistema privado", acusou Bará.
Por todo iso o BNG comarcal anuncia que levará a cabo unha "ofensiva política" nas diferentes institucións nas que contas con representación, desde os concellos pasando por Deputación ou o Parlamento de Galicia, pero "sobre todo na rúa" porque "pensamos que hai un malestar xeneralizado na poboación e nos profesionais sanitarios".
O primeiro paso desta mobilización será apoiar a manifestación convocada o vindeiro domingo 9 de febreiro en Santiago de Compostela.
Relacionadas:
-
O persoal de Montecelo concéntrase polos continuos colapsos de Urxencias: "Estamos desbordados"
Por Natalia Puga |
-
Montecelo activa un plan de continxencias ante a gripe polas protestas do persoal
Por Redacción |
-
SOS Sanidade Pública busca o apoio dos concellos para unha gran manifestación en Santiago o 9 de febreiro
Por Redacción & Cristina Saiz |