A SCD Salcedo alerta dunha posible estafa por recadación de fondos no nome do seu equipo feminino
Por Diego Espiño
A Sociedade Cultural Deportiva Salcedo mostrou a súa indignación tras ter coñecemento dunha posible estafa que se está cometendo no seu nome.
En concreto a entidade deportiva refírese a "un grupo de mozas" que estaría a pedir diñeiro para o seu equipo feminino, cando esta tempada ese equipo en cuestión non existe.
"Estas persoas están a pedir diñeiro en base a unha estafa, que mancha o nome do club", sinala o Salcedo a través dun comunicado.
Segundo recoñeceu o seu presidente, José Antonio Barreiro, tiveron constancia da situación a través dun patrocinador. "Temos pensado facer equipo para o ano que vén pero nós non estamos a facer esa xestión aínda", recoñece despois quedar hai dúas tempadas sen formación feminina por falta de efectivos.
A SCD Salcedo conta na actualidade con 8 equipos rexistrados nas diferentes ligas galegas, dúas deles en categoría benxamín ademais doutros nas categorías prebenxamín, alevín, infantil, cadete, xuvenil e o conxunto sénior masculino que milita na Terceira Autonómica.
"Pedimos desculpas aos afectados, e esperamos que a xente teña coñecemento desta fraude para evitar que o sigan cometendo", conclúe o Salcedo preocupado pola posibilidade de que o caso manche a reputación dun club modesto que conta con máis de 70 anos de historia ás súas costas.